CULTURA

Máis dun milleiro de intérpretes participarán no III Certame Galego de Bandas de Música

24/11/2009 O evento anual de referencia dentro do mundo das bandas populares en Galicia alcanza a súa terceira edición e celébrase do 27 ao 29 de novembro en Compostela. Ao longo de tres días pasarán polo Auditorio un total de 19 bandas de toda Galicia, que xuntan máis dun milleiro de intérpretes. En paralelo ao certame, que dá comezo o venres 27 ás 20:00 horas, celébrase o II Concurso de Composición para premiar as mellores obras orixinais para banda de música.

No acto de presentación do certame, a concelleira de Cultura, Socorro García Conde, valorou ante todo a capacidade do certame para contribuír a crear un repertorio musical de noso que sexa apto para ser tocado polas bandas, tanto "recuperando todo un pasado de pezas" como "promovendo a creación a través do concurso de composición". Este concurso, aparellado ao Certame Galego de Bandas dende a pasada edición, permite agrandar o repertorio das bandas con cinco novas composicións cada ano. "É unha festa de creadores e dos moitos músicos e músicas", dixo Socorro García, que quixo destacar a crecente presenza feminina e mais a marcada mocidade de moitos dos membros das bandas populares.

O xefe de Promoción e Difusión Cultural da Consellería de Cultura, Víctor Rey, quixo salientar o labor da institución que representa a prol da "posta en valor do patrimonio histórico e cultural de Galicia mediante o apoio a certames coma este". Rey apuntou que, en relación coa primeira edición do certame, a Consellería de Cultura e Turismo multiplicara por tres a contía dese apoio, e confiou en renovalo en edicións vindeiras.

Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Bandas e entidade organizadora, Rubén Souto, manifestou que este evento é "unha mostra da calidade artística e musical dos galegos e galegas, tanto no eido da interpretación como no da composición". Souto fixo fincapé no concurso de composición e referiuse a el como un xeito de "facer xustiza con todos eses compositores mozos que estaban ocultos ata o de agora". Proba desta implicación da mocidade na composición é que, na primeira edición do concurso celebrada en 2008, o primeiro premio levouno un rapaz de 17 anos.

18.000 euros en premios
Ao longo de tres días pasarán polo Auditorio de Galicia un total de 19 bandas. En función do seu número de membros, as bandas encádranse nunha das catro seccións nas que se divide o Certame: Sección Especial -na que se agrupan as dúas bandas máis numerosas, a Unión Musical de Valadares e a Banda Artística de Merza- e Seccións Primeira, Segunda e Terceira.

A dotación económica asígnase en relación coas seccións, en cada unha das cales se outorgarán tres premios. Na Sección Especial concederase un primeiro premio de 3.000 euros, un segundo premio de 2.000 e un terceiro de 1.000 euros; na Sección Primeira concederanse 2.500 euros, 1.600 e 900; na Sección Segunda serán 2.000 euros, 1.400 e 600; por último, as bandas premiadas na Sección Terceira recibirán 1.500, 1.000 e 500 euros, respectivamente.

As bandas levan preparando esta actuación dende o mes de xuño, momento en que se realizou a selección. No Auditorio todas elas deberán interpretar tres pezas: un pasodobre de entrada, unha obra obrigada -común para cada sección- e unha composición libre.

Segundo indicou Rubén Souto, o xurado valorará que esta última sexa unha obra galega. Este ano, engadiu, haberá entre elas varias interpretacións de obras galegas e mesmo dúas estreas absolutas. Todos os concertos serán gravados e publicados na canle da Federación Galega de Bandas en Youtube.

O II Certame Galego de Bandas comeza o venres 27 de novembro ás 20:00 horas, reanúdase o sábado 28 ás 18:00 horas e comeza a súa xornada de clausura, o domingo 29, ás 15:30 horas. O acto de peche terá lugar o propio domingo ás 22:30 horas.

Compartir: