XUNTA DE GOBERNO

Máis de 600.000 euros para varias obras do reforzo do firme en vías do rural compostelán

24/11/2009 A Xunta de Goberno aprobou o Plan de Cooperación das obras e servizos de competencia municipal (POS) para 2010. En virtude do mesmo, prevese un orzamento de 665.471 euros para a realización de cinco obras de reforzo do firme. Entre outros asuntos, tamén se acordou solicitar unha axuda para o financiamento da reurbanización da praza de Cervantes.

O Plan de obras suporá unha achega municipal de 110.249 euros. O resto do orzamento será aportado pola Deputación da Coruña e polo Estado. Neste programa inclúense as obras de reforzo do firme das vías públicas de Sarela de Arriba (Peregrina), 166.028 euros; Munín (Laraño), 61.426 euros; Cesar, 213.405 euros; rueiro de Figueiriñas-Muíños, 101.681 euros; e M-28-V (Sabugueira), 122.930 euros.

Tamén se aprobou o plan complementario do ano 2010, no que se inclúe a obra de reforzo do firme na vía pública en Barciela, cun orzamento de 111.476,02 euros. Finalmente, eleváronse a definitivas as adxudicacións das obras de reforzo do firme nas vías públicas M-105-V, no Eixo de Abaixo, por un importe de 55.534 euros; rotonda de Bornais, no Eixo, por 77.299 euros; e M-36-A-IV, en Torreblanca (Aríns), por un importe de 120.312 euros máis IVE.

Cidade Histórica
Polo procedemento de urxencia, acordouse a aprobación definitiva e a solicitude da axuda para a reurbanización da praza de Cervantes e do seu entorno. O orzamento para esta actuación cífrase en 341.672 euros e a axuda sería de 82.049 euros, derivados do cofinanciamento por parte da Xunta (37.276 euros) e do Ministerio de Vivenda (44.773 euros).

Turismo
En materia de Turismo, aprobouse a modificación do proxecto de rehabilitación e sinalización do Camiño de Santiago a Fisterra, co mesmo orzamento de contrata do proxecto aprobado no seu día (312.137 euros). Do mesmo xeito modifícase o proxecto de rehabilitación e sinalización do Camiño de Santiago Francés, tamén co mesmo orzamento previsto (239.350 euros).

Reforma Administrativa
A proposta da concelleira de Reforma Administrativa, acordouse a creación dos seguintes ficheiros de carácter persoal: voluntarios Protección Civil, rexistro de entrada/saída do Mercando Nacional de Gando, videovixilancia en centros municipais e xestión de actividades socioculturais.

Documentos relacionados



Compartir: