PARTICIPACIÓN CIDADÁ

A Casa das Asociacións de Cornes acolle a mostra "Exposición Rexional Galega. 100 anos despois"

24/11/2009 O mércores, 25 de novembro, ás 20:00 horas, inaugúrase na Casa das Asociacións, en Cornes, a mostra "Exposición Rexional Galega. 100 anos despois", organizada pola Concellería de Participación Cidadá. A exposición rescata a participación cidadá na conmemoración que organizara a Concellería de Festas na Alameda, con motivo do centenario, en xullo deste ano.

Os que se acheguen a esta mostra poderán apreciar a moitos cidadáns ataviados con traxes de época gozando das diferentes atraccións e paseando en carruaxes e coches antigos. Cómpre recordar que naquel desfile numerosos cidadáns uníronse aos máis de 200 figurantes, entre os que había músicos, xigantes e cabezudos, persoas ataviadas co traxe galego, damas, cabaleiros, militares, etc. Todos eles recrearon os usos e costumes de principios do século XX. A comitiva congregouse na zona do estanque da Alameda para percorrer este parque.

Santiago de Compostela celebrou no ano 1909 a Exposición Rexional Galega, por iniciativa da chamada Liga de Amigos de Santiago. Foi unha mostra artística, cultural e industrial que inaugurou o rei de España Alfonso XIII o 25 de xullo daquel ano xubilar compostelán. Segundo os seus promotores, pretendíase con este evento rexurdir o ideal da terra galega e da súa xente.

A exposición prolongouse durante meses e tivo varias sedes, entre elas, o edificio de San Clemente e a actual gardería de Santa Susana, mostra da típica arquitectura balnearia francesa da época. Ademais do seu carácter misceláneo, onde se exhibían exemplos da industria e a cultura galegas, a exposición completouse cun cinematógrafo, carrusel mecánico, circo ecuestre, atraccións de tiro, restaurante e quiosco de flores e tabaco, entre outros elementos cautivadores.

A exposición da Casa das Asociacións estará aberta do 25 de novembro ao 12 de decembro, no seguinte horario: mañás, de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas; tardes, de martes a venres de 16:30 a 21:30 horas; e sábados de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 21:30 horas.

Compartir: