IGUALDADE

Os actos municipais do Día Internacional contra a Violencia de Xénero diríxense nesta edición aos medios de comunicación

24/11/2009 Con motivo da celebración, o mércores 25 de novembro, do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, a Concellería de Igualdade preparou unha edición máis un acto de sensibilización, que nesta ocasión estará dirixido aos medios de comunicación. Será ás 19:00 horas no Casino. Ademais, celebrarase unha nova entrega dos Premios 25 de novembro.

Segundo explicou a concelleira de Igualdade, Mar Martín, tamén nesta edición, coma nas anteriores, quérese enviar mensaxes dirixidas fundamentalmente aos homes. Dende a Concellaría estímase que é necesario continuar implicando aos homes nesta loita, pois a denuncia contra a violencia de xénero non pode ser só algo que lle competa exclusivamente á muller. Así, a sociedade, en xeral, ten a obriga de denunciar aquelas situacións de violencia que coñeza.

Neste labor de denuncia xogan un papel fundamental os medios de comunicación. Estes resultan claves na loita e na reprobación social contra a violencia de xénero, pero tamén na transmisión de valores, na eliminación de estereotipos e na creación de opinión. Por este motivo, serán os directivos e directivas dos medios de comunicación da cidade os que nos transmitirán as súas mensaxes de loita contra a violencia de xénero a partir das 19:00 horas no Casino. As mensaxes tamén figurarán nos mupis distribuídos pola cidade

Antes, pola mañá, ás 12:00 horas, na Concellería de Igualdade, entregaranse os Premios 25 de novembro. Concurso "Educando na convivencia en igualdade". Baixo o lema "A miña visión sobre a violencia de xénero", o certame está dirixido ao alumnado do segundo ciclo de Educación Secundaria Obrigatoria. Os traballos serán expostos do 25 de novembro ao 11 de decembro.

Compartir: