CONSORCIO

O Programa Urbe dixitalizou xa máis de 63.000 escrituras notariais

24/11/2009 O Consorcio e a Universidade de Santiago presentan o estado dos traballos do Programa Urbe, iniciado en 2007 e destinado a dixitalizar todos os fondos documentais da cidade e crear unha ferramenta informática básica de consulta e documentación. Agora, o proxecto entra na súa recta final de traballo con 63.300 escrituras notariais procesadas, o que se traduce en preto de 300.000 imaxes dixitais. Os documentos orixinais proceden do Arquivo Universitario e do Arquivo da Catedral.

O alcalde compostelán e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou estes traballos do Programa Urbe, do que destacou o seu carácter pioneiro, apuntando que "seguramente se acabará exportando a outras cidades". Destacou que para o Consorcio, a protección do patrimonio histórico "vai máis aló da conservación de edificios e rúas".

Neste caso, o labor de protección céntrase no material bibliográfico de Santiago e póñense en valor dous grandes arquivos da cidade. Sánchez Bugallo felicitou ao director do Programa, Fernando López Alsina, polo seu traballo e agradeceu a colaboración do deán e responsable do arquivo da Catedral, José María Díaz Fernández, con quen o Consorcio mantén unha relación "bilateral e recíproca".

Novas liñas de investigación
O Programa Urbe comprende un plan de traballo a catro anos, cunha dotación anual de 120.000 euros anuais, achegados polo ente interadministrativo. Os fondos dixitalizados, moi ricos e interesantes, permitirán abrir novas liñas de investigación nos máis diversos ámbitos, xa que as escrituras notariais son reflexo da historia, da economía e da sociedade da época.

Para levar a cabo o Programa Urbe creouse un equipo de traballo dirixido polo profesor de historia medieval da Universidade de Santiago Fernando López Alsina e integrado por arquiveiros e documentalistas. Tamén coordinan o proxecto o canónigo arquiveiro da Catedral, o deán José María Fernández, a directora do Arquivo Histórico Universitario, María José Justo e o responsable de estudos históricos e publicacións do Consorcio de Santiago, Juan Conde. O proceso de traballo, establecido en prazos, comezou por identificar os fondos documentais máis importantes e significativos dende o punto de vista do interese histórico para a cidade. A continuación procedeuse á organización sistemática dunha base de datos electrónica dos documentos individualizados.

O Programa Urbe permitirá conservar definitivamente os documentos, preservándoos e facéndoos accesible a través da rede. A iniciativa vai encamiñada tanto á comunidade científica como á cidadanía en xeral.

A nova ferramenta informática multiplicará as posibilidades de estudo e investigación en diferentes campos, como o urbanismo, a arquitectura ou a socioloxía, xa que nestes documentos se reflicte toda a realidade histórica de Compostela: a económica (os oficios, os gremios), a social (familias, xenealoxías) ou a cultural (bibliotecas, doazóns, encargos de misas). Os labores comezaron cos protocolos notariais, xa que son as maiores fontes de estudo, testemuña e información da historia da cidade.

Os protocolos notariais
Os protocolos notariais son un conxunto de documentos xerados por un notario durante un período de tempo. En Santiago existen diversas clases de notarios, tales como os notarios de Número y Concejo e de Número y Cabildo, escribáns de número da Audiencia del Asistente o Justicia Mayor, escribán da Audiencia Eclesiástica y seglar del Juez de Quintana, ademais doutros escribáns reais. Os de Concello e os de Cabildo son os que acaparan maior documentación e son estes os que están a ser obxecto de dixitalización. Estes protocolos notariais inclúen documentacións tan curiosas como cartas de perdón, disputas familiares ou indemnizacións por adulterio, por exemplo.

O proceso de dixitalización
A metodoloxía de traballo é moi rigorosa e contempla unha serie de etapas. En primeiro lugar procédese a análise do protocolo e, dependendo do seu estado de conservación, procederase á súa dixitalización e descrición. O seguinte paso é o coñecer se o protocolo presenta foliación, numeración ou se hai un índice no que se reflicte o contido das escrituras que conforman devandito protocolo. A continuación procederase á dixitalización do protocolo, respectando a orde natural.

Para a descrición utilízanse as chamadas normas ISAD (Internacional Standard Archival Description). Para esta tarefa emprégase un sistema de xestión de arquivos que facilita a súa posterior busca e consulta e permite o visionado en conxunto da descrición e as imaxes, así como as procuras simples e avanzadas, reprodución de orixinais, etc.

A descrición das escrituras pon de relevancia o tipo de documento (venda, arrendamentos, testamentos, doazóns, etc.), os outorgantes (persoas físicas ou xurídicas, incluíndo os datos de veciñanza e oficio), os destinatarios, o número de folio e a data da produción da escritura. Unha vez rematada a descrición do protocolo, procédese ao seu volcado na web.

Os documentos dixitalizados xa se poden consultar nas webs do Arquivo Universitario e do Arquivo da Catedral.

No traballo cotián dos documentalistas xorden atrancos á hora de descifrar os textos, debido, sobre todo, á escritura da época (cortesá, procesal), a maneira de redacción ou as características físicas, como as tintas desvanecidas, que, grazas á opción do tratamento de imaxes co que conta o sistema, permite manipular a imaxe para facilitar a súa lectura.

Os datos tirados do Programa Urbe pasarán tamén a formar parte do Sistema de Información Patrimonial, un sistema informático de xestión espacial da realidade urbana de Santiago. Do mesmo xeito, será unha ferramenta fundamental do futuro Museo das Peregrinacións e de Santiago, cuxa sede futura está a acondicionar o Consorcio de Santiago no edificio do antigo Banco de España.

Xunto ao alcalde, participaron na rolda de prensa o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva; o director do Programa Urbe, Fernando López Alsina; o deán e director do Arquivo da Catedral, José María Díaz Fernández; e o coordinador do Programa, Juan Conde Roa. Tamén estivo presente o equipo de documentalistas que traballa no Arquivo da Catedral (Elena Novás, María Seijas, Simón Vicente, Pablo Iglesias –dixitalizador-) e Universitario (Lucía Salgueiro, Mª Isabel Rubial, Patricia Guillamet -dixitalizadora-). Tamén se fixo unha demostración de búsqueda de arquivos a través da rede.

Compartir: