TURISMO

Santiago supera o millón de pernotacións nos dez primeiros meses de 2009

23/11/2009 Santiago de Compostela sumou nos dez primeiros meses do ano 2009 un total de 1.058.289 pernotacións, segundo os datos feitos públicos hoxe polo INE. Santiago é a única cidade pertencente aos grupos das Cidades Patrimonio e da España Verde, compostos polos destinos comparables á nosa cidade, que supera o millón de pernotacións entre xaneiro e outubro. Tras Santiago veñen Bilbao, con 944.050, Córdoba, con 900.425, e Salamanca, con 817.111.

Santiago lidera ambos grupos no crecemento acumulado durante o 2009, cun crecemento do 7,11% respecto ás 988.021 pernotacións que se produciron na cidade o ano 2008. Neste período, as pernotacións no conxunto do Estado descenderon un 7,1%. En Galicia, produciuse un descenso do 4,48%, pasando das 6.971.159 pernotacións do 2008 ás 6.658.894 de 2009. Con estas cifras, Santiago acumula unha de cada seis pernotacións que se producen en Galicia, segundo os datos do INE.

Os datos de evolución do acumulado anual das Cidades Patrimonio e da España Verde respecto do ano 2008 foron: Santiago, 7,11%; Vitoria, 0,52%; San Sebastián, -10,65%; Xixón, -12,82%; Oviedo, -4,97%; Santander, 3,22%; Bilbao, 4,09%; Ávila, -10,81%; Cáceres, -1,66; Córdoba, -8,49%; Cuenca, -8,49%; Salamanca, -3,13%; Segovia, -3,94%; Toledo, -4,11; A Coruña, -4,94%; Vigo, -11,58%.

O crecemento de Santiago nos dez primeiros meses do ano apóiase no aumento do turismo español, que pasou das 650.067 ás 728.941 pernotacións, un crecemento do 12,13%. Polo contrario, o turismo internacional pasou das 337.954 do 2008, ás 329.348 que se produciron neste ano, cun descenso do 2,55%. Neste ano 2009 producíronse en Galicia 1.116.574 pernotacións de turismo internacional, de tal xeito que Santiago acumula unha de cada tres pernotacións deste tipo que se producen no país.

No mes de outubro, Santiago creceu un 4,94% respecto ao outubro do ano pasado, con 110.723 pernotacións, fronte ás 105.512 que se produciron no mesmo mes do 2008. As pernotacións estatais creceron un 9,84%, pasando das 70.157 do ano pasado ás 77.062 deste ano. Pola contra, as pernotacións internacionais descenderon un 4,79%, sumando 33.661. O descenso no conxunto do Estado foi do 1,7%, mentres que no conxunto de Galicia produciuse un crecemento do 1,77%.

Segundo o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, grazas ao traballo de Incolsa, do sector turístico, e da cidade no seu conxunto, conseguiuse superar o millón de pernotacións nos dez primeiros meses do ano, liderando aos destinos estatais comparables a nosa cidade".

Compartir: