CULTURA

Cineuropa estrea "Rafael", de Xavier Bermúdez, e dedícalle unha sesión especial a Xosé Manuel Bazarra "Sepi"

20/11/2009 Cineuropa trae o venres 20 dous acontecementos cinematográficos á pantalla do Teatro Principal. Ás 20:00 horas estrearase en Galicia Rafael, longametraxe dirixida por Xavier Bermúdez e que ata agora non atopou espazo nas carteleiras comerciais, malia a positiva recepción da crítica. Ás dez da noite comezará a terceira sesión especial de Emerxentes, dedicada desta volta a Xosé Manuel Bazarra, "Sepi".

Os dous eventos foron presentados pola concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde; o director de Cineuropa, José Luis Losa; e os responsables e protagonistas das diferentes obras. No caso de Rafael, interviron o director, Xavier Bermúdez, e tres das actrices, Pilar Pereira, Nerea Barros e Sonia Méndez.

Socorro García salientou que a longametraxe "vén precedida por certa polémica", polo feito de se proxectar en galego con subtítulos en castelán no festival de Málaga. De feito, sinalou que esta estrea no país é un filme "feito por galegos, en Galicia e en galego". José Luis Losa fixo referencia tamén á "anomalía" de que unha película que tivo tan boa acollida polo público e pola crítica non se estrease aínda en España nin en Galicia, e máis se "falamos dun director, Xavier Bermúdez, que ten unha grande aceptación no exterior, con títulos como o premiado León y Olvido. "O feito de que Rafael estea sen estrear", explicou, "dá unha idea da gravidade que vive a distribución e a exhibición. Unha película non termina de nacer ata que chega ao público".

O filme que poderá ver o público de Cineuropa no Teatro Principal é, segundo o seu director, "o retrato dun personaxe -interpretado por Manuel Cortés-, visto nas súas relacións coas mulleres e na súa situación laboral", un home "común e corrente, pero que ten algunha singularidade que o distingue". Tampouco é singular a narración: "Non repite as fórmulas da narración tradicional", afirma Xavier Bermúdez, "non por capricho, senón porque pensei que era o mellor xeito de retratar o personaxe". As tres actrices presentes na conferencia de prensa amosaron a súa satisfacción por traballaren con Bermúdez. Nerea Barros recoñeceu que "non é un filme fácil, pero paréceme incrible que leve ano e medio sen distribuír". Definiuno como unha obra que "fala do voyeurismo ben entendido e sen hipocrisía".

Emerxentes, con Sepi
O outro protagonista da noite é Xosé Manuel Bazarra "Sepi", ao que se lle dedica a terceira sesión especial Emerxentes. Socorro García Conde destacou que será unha "estrea en primicia" da súa nova curta, Berberecho II, que irá precedida das súas anteriores creacións, Berberecho, 5 pezas de setembro e Los reyes del columpio. Será a partir das 22:00 horas no Teatro Principal.

O director de Cineuropa, José Luis Losa, afirmou que no noso cine actual estase a producir "unha enorme riqueza". "Desta xeración de cineastas destaca que o cine de Sepi é diferente do de Ángel Santos, do de Óliver Laxe...", asegurou, pois "comparten rol xeracional pero as súas obras teñen unha visión propia moi poderosa, sen influencias continuas nin discontinuas". Definiu o universo dos filmes de Bazarra como "unha mestura dos perdedores hustonianos cos personaxes de Cheech e Chong".

Sepi constatou que "tento buscar unha linguaxe propia. As influencias nótanse, pero xa as tes interiorizadas. Sae de dentro, non son homenaxes". Tamén asegurou que vai ser tamén a primeira vez "que eu vexo estes catro traballos seguidos". Sobre Berberecho, lembrou que se trata dunha práctica de primeiro curso de carreira e que lle resultou "curioso" que acabase levando o premio á mellor curta galega. Tanto o director como a produtora da curta, Marta Eiriz, amosaron a súa preocupación pola nova lei do cine, que pode deixar desamparadas as producións de baixo orzamento, sen poñerlles límites ás grandes producións.

Compartir: