CULTURA

Fernando Trueba recibe o Premio Cineuropa á súa traxectoria cinematográfica

19/11/2009 Só vista ata a data no Festival de San Sebastián, El baile de la victoria terá a súa estrea galega ás 21:00 horas de hoxe no Teatro Principal. Antes diso, Fernando Trueba recollerá o Premio Cineuropa á súa traxectoria cinematográfica, o segundo da vixente edición despois do entregado a Mabel Rivera.

El baile de la victoria é unha adaptación da novela homónima de Antonio Skármeta, quen tamén interveu no guión canda a Fernando Trueba e Jonás Trueba. Ambientada no Chile que recobra a democracia logo de Pinochet, o filme traslada a historia de dous presos amnistiados que teñen plans opostos no seu regreso á liberdade: un deles (Abel Ayala) só desexa recuperar a súa muller (Ariadna Gil); o outro, veterano ladrón de caixas fortes (Ricardo Darín), prepara un gran golpe. Porén, a chegada de Victoria (Miranda Bodenhöfer) muda as vidas dos tres e obrígaos a se enfrontaren a un novo destino.

O director de Cineuropa, José Luis Losa, referiuse a El baile de la victoria como un filme cuxos personaxes "habitan unha liberdade recuperada", tal e como lles acontecía aos interpretados por Óscar Ladoire e Paula Molina no Madrid de Ópera prima, a primeira e aclamada longametraxe de Trueba en 1980. A xuízo de Losa, o filme é tamén "un baile de xéneros", algo que caracteriza a propia filmografía do cineasta hoxe homenaxeado.

Fernando Trueba é, dixo Losa, "un cineasta vertebrador do cine español", que con só dez filmes xa ascendeu á categoría de clásico. Entre eles, o director do festival quixo facer lembranza de El embrujo de Shanghai, unha película "da que non se tratou abondo e que, baixo o meu punto de vista, é preciso revisitar". O propio Trueba agradeceu este apunte e engadiu que, malia tratarse dunha das menos vistas e comentadas, el mesmo conserva El embrujo de Shanghai como unha das súas obras máis pracenteiras.

De volta en Cineuropa
Fernando Trueba recolle o premio Cineuropa por primeira vez, mais non é esta a súa primeira estadía no festival compostelán. Xa no ano 1981 estivera como produtor do filme A contratiempo, e tamén hai só uns anos acudira para presentar Calle 54. Ademais, o realizador revelou que a primeira rodaxe da súa vida tivera lugar precisamente en Galicia: foi O cadaleito (1976), unha adaptación do relato de Ánxel Fole con dirección de Enrique Baixeras e guión de Francisco Taxes.

As películas de Trueba levan recollidos uns 30 Premios Goya, dous deles polo seu labor de dirección, e mais un Oscar. Agora que recibe o Premio Cineuropa a toda unha traxectoria, Trueba recoñece ter unha "actitude ambigua" ante os galardóns: "dicía Azcona que o ser humano ten unha tendencia natural a crer as gabanzas dos demais", e iso é precisamente o que cómpre evitar. Trueba valora os premios cando son unha "demostración do amor de quen os entrega polo cine", ou a disciplina artística que sexa de caso.

En datas recentes, a Academia española seleccionou El baile de la victoria como película española candidata aos Oscars. O seu director manifestou estar "moi agradecido, sobre todo porque é unha película que aínda non pasou polas salas de cine". Os membros da Academia apostaron polo filme malia ignoraren aínda cal será o seu resultado comercial. "Isto gústame e tranquilízame", recoñeceu Trueba.

Estes cinco anos que levaba sen estrear película, Trueba aproveitounos para escribir varios guións e preparar proxectos vindeiros. Avanzou que está a traballar nunha película de animación xunto a Xavier Mariscal -Chico & Rita, un vello proxecto que podería ver a luz o vindeiro ano- e mais nun texto a catro mans con Jean Claude Carrière.

Compartir: