ALCALDÍA

Os dez millóns de euros adicionais do FEIL permitirán financiar 33 novos proxectos

19/11/2009 A Xunta de Goberno, en sesión extraordinaria, aprobou o listado dos proxectos que se financiarán a cargo da partida adicional do Fondo Estatal de Investimento Local (FEIL). En total serán 33 novos proxectos, que suporán un investimento de 10.198.740 euros.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a voceira da Xunta de Goberno, Socorro García Conde, presentaron estes proxectos, que deberán estar entregados nos Concello antes do 15 de xaneiro, co obxectivo de remitilos ao Ministerio de Política Territorial antes do 2 de febreiro. Os barrios e o rural son as principais áreas beneficiarias deste investimento, en cuxa distribución tamén se tivo en conta cuestións como que as actuacións dependeran exclusivamente do Concello ou o financiamento doutras que non estiveran previstas por outras administracións, apuntou Sánchez Bugallo.

A actuación que acapara un maior investimento, 1.265.791 euros, é a creación dun centro sociocultural no barrio de Santa Marta. Este equipamento contará unha sala de usos múltiples, sala de informática, zona de maiores e zona interxeracional, biblioteca, ludoteca, sala de reunión e aulas de usos múltiples. Tamén neste eido, investiranse 150.000 euros na adecuación, rehabilitación e mellora dos locais de propiedade municipal para atención a persoas maiores e centro de uso sociociocultural en Pontepedriña.

Outra actuación prioritaria será a adecuación, mellora e rehabilitación de centros educativos, capítulos aos que se dedicarán 900.000 euros. A outra infraestrutura educativa, a Aula de Interpretación do Medio Rural da Portela, destinaranse 90.000 euros, e ao programa de Escolas do Verán, 38.000 euros, sendo ambos gasto corrente.

Redes de servizos básicos
A rede de abastecemento será obxecto de varias actuacións. Construirase a rede de abastecemento de Lavacolla e Marrozos, por un importe de 800.000 euros. A particularidade desta actuación é que a auga procederá do concello de Boqueixón. Ademais, substituirase e mellorarase as redes de abastecemento, saneamento e augas pluviais no ámbito das rúas Diego Peláez e Ulpiano Villanueva.

Igualmente en materia de servizos básicos, afrontaranse cinco proxectos de substitución de materiais e tecnoloxías nas redes de auga, de renovación das instalacións de alumeado público para reducir o consumo enerxético, de creación de contedores de lixo soterrado e de mellora da seguridade mobilidade viaria. Realizaranse na rúa República do Salvador, entre Xeneral Pardiñas e o Hórreo (700.000 euros), na rúa Irmáns Alvite (200.000 euros), na rúa López Ferreiro (300.000 euros), na rúa Arzúa, na Almáciga (600.000 euros) e na rúa Torreira, no Romaño (350.000 euros).

Planta de compostaxe e novos parques
En Medio Ambiente, a actuación máis salientable será a construción e o equipamento da primeira instalación de planta de compostaxe para restos vexetais de parques e xardíns xerados no municipio. Nesta infraestrutura investiranse 506.975 euros.

Destaca tamén a construción e adecuación dun espazo de lecer e zona verde en Salgueiriños, cun investimento de 646.856 euros. Noutro espazo, no parque de Galeras, habilitarase a zona de xogos para permitir o seu uso con condicións climáticas adversas, instalando unha cuberta duns 400 metros cadrados. Destinaranse a esta actuación 300.000 euros. O apartado de parques e xardíns complétase coa ampliación, adecuación, supresión de barreiras arquitectónicas e sinalización dun sendeiro autoguiado polos parques de Compostela, con 150.000 euros.

Tecnoloxía e modernización da Administración Municipal
As tecnoloxías e a modernización da Administración Municipal acaparan outro grupo de iniciativas: procesos de xestión documental, dixitalización, contratación electrónica e puntos de xestión (271.118 euros); procesos de xestión documental e dixitalización na Área de Benestar Social (100.000 euros); mellora do acceso a redes e tecnoloxías da información na Casa das Asociacións de Benestar Social (50.000 euros), na Casa das Asociacións de Cornes (57.100 euros) e no Centro Xove da Almáciga (50.000 euros); e novo equipamento tecnolóxico na sala de pantallas da Policía Local (300.000 euros).

Dous autobuses eléctricos e novos aparcadoiros de bicicletas
Novidoso será o aproveitamento dos FEIL en materia de transporte, coa adquisición de dous autobuses eléctricos para os bordes do Casco Histórico, por 420.000 euros. Ademais, instalaranse tres novos aparcadoiros de bicicletas na praza Rodrigo de Padrón, en Xoán XXIII e na praza de Vigo, cun investimento de 74.300 euros, e colocaranse 12 postes de información para mellorar a mobilidade (65.600 euros).

Centro deportivo para Villestro
En Deportes, construirase un centro deportivo en Villestro, no que se investirán 800.000 euros. Tamén se adecuará e rehabilitará o pavillón polideportivo de Monte dos Postes. Noutra infraestrutura deportiva, o estadio de San Lázaro, dotarase de infraestruturas tecnolóxicas ao local de Protección Civil que se está a construír (50.000 euros).

O paquete de investimentos complétase cun lector de matrículas para o Casco Histórico (180.000 euros); coa construción da rede de saneamento no Refuxio de Animais (92.500 euros); coa supresión de barreiras arquitectónicas na conexión do Cottolengo co parque Euxenio Granell (23.000 euros) e no viario público (92.500 euros), e cun programa de dinamización sociocomunitaria na Área de Benestar Social (35.000 euros).

Modificacións de crédito
Por outra parte, a concelleira de Facenda e Orzamentos, Rosa Fernández Somoza, explicou outros dous acordos da Xunta de Goberno, relativas ao cambio de finalidade do financiamento de créditos incorporados no exercicio anterior e a un expediente de modificación de crédito extraordinario e suplemento de crédito.

Na primeira das cuestións trátase de destinar partidas financiadas con créditos extraordinarios en exercicios anteriores a outros fins dos inicialmente previstos. Supón o cambio de uso de 450.166 euros. Esta será unha medida que se someterá á aprobación do Pleno na súa sesión do 26 de novembro.

No caso do expediente de modificación de crédito extraordinario, son algo máis de 320.00 euros que causan baixa nalgunhas partidas e se destinan a outras, en materias como centros socioculturais, bibliotecas ou mercados. O suplemento de crédito aprobado ascende a 1.303.860 euros, que tamén cambian de finalidade. A cantidade máis importante son os 609.704 euros destinado ao pago de facturas pendentes do servizo de limpeza, mentres que outros 170.000 euros incorpóranse a Incolsa. Tamén hai partidas destinadas á ludoteca de Fontiñas, ao edificio do Cersia, ao remate do pavillón de Fontiñas ou á actualización do IPC no servizo de transporte público. Tanto o crédito extraordinario coma o suplemento de crédito tamén irán ao Pleno do 26 de novembro.

Documentos relacionados



Compartir: