CONSORCIO

A pianista romanesa Mihaela Ursuleasa actúa no Auditorio de Galicia baixo a batuta de Salvador Mas

18/11/2009 O concerto do xoves 19 no Auditorio de Galicia terá como protagonista a unha das últimas promesas do piano en Europa: Mihaela Ursuleasa. Acompañará á Real Filharmonía de Galicia, que nesta ocasión actuará baixo a batuta do director convidado Salvador Mas, actual director artístico da Orquesta Ciudad de Granada.

Mihaela Ursuleasa foi galardoada aos 16 anos co primeiro premio do concurso de piano Clara Haskil e dende entón realizou numerosas xiras polo mundo. En España debutou en 2006 en Madrid, no ciclo de novos intérpretes de Scherzo e debutou en 2007 coa Orquestra Sinfónica de Galicia e en 2009 coa Orquesta Nacional de Cataluña e Hans Graf. Ursuleasa está moi interesada na música de cámara, e forma dúo coa violonchelista Sol Gabetta, coa que ofrece máis de 25 recitais cada ano. Este ano, cando cumpriu 31 anos, acaba de publicar coa discográfica Edel un traballo con pezas de Beethoven, Brahms, Ravel e Ginastera.

O actual director artístico da Orquesta Ciudad de Granada, Salvador Mas, formouse artisticamente baixo as ordes de Antoni Ros Marbà. Iniciou a súa carreira profesional coa Ópera de Maguncia. Máis tarde foi nomeado director da Orquestra da Cidade de Barcelona. Dende 1999 dirixe en Viena como sucesor do profesor Hans Swarowsky a clase de dirección de orquestra dos Wiener Meisterkurse. Tamén foi director da Escola Superior de Música de Cataluña.

Compartir: