ALCALDÍA

A bo ritmo as obras da rúa do Olvido e do núcleo da Canteira, dúas das actuacións máis complexas das amparadas polo FEIL

18/11/2009 Dúas das obras en marcha no marco do Fondo Estatal de Investimento Local (FEIL), a do núcleo da Canteira, en San Lázaro, e a da rúa do Olvido e do seu contorno, marchan a bo ritmo, co obxectivo de que estean rematadas a finais de 2009. O alcalde compostelán visitou estas dúas obras.

Sobre as obras na rúa do Olvido, Sánchez Bugallo indicou que se trata "dunha das actuacións máis complexas do FEIL, porque é un ámbito moi singular", e porque obrigou a solucionar tamén diversas cuestións legais durante anos, coma o desaloxo dos okupas da Casa Encantada. "Logo descubrimos que este terro non era municipal, senón de dúas promotoras privadas, coas que se chegou a un acordo", engadiu.

O alcalde destacou a calidade da intervención, "recuperando espazo para os veciños", e a creación do aparcadoiro soterrado. Sobre este, a concelleira de Cidade Histórica, Olga Pedreira, apuntou que terá 28 prazas, que se unirán a outras 14 prazas de aparcamento en superficie. "Esta é unha pequena gran actuación que vai transformando o tecido vivo da cidade", dixo Sánchez Bugallo.

As obras na rúa do Olvido e no seu contorno permitirán comunicar a zona de Belvís co Ensanche compostelán e eliminar beirarrúa actual de formigón para substituíla por lousas de pedra. Ademais, estase a construír un aparcadoiro soterrado.

Na rúa do Olvido conservouse o pavimento central de lousas de pedra existentes. Un muro de mampostería delimitará a nova praza do Olvido, que levará o nome de Marcial Villamor Varela. Ademais, eliminouse a beirarrúa actual de formigón, sendo substituída por lousas de pedra, para acceder a cada vivenda. A reurbanización da rúa complétase co saneamento do muro de mampostería e co rebaixe do mesmo, para reducir o seu impacto sobre as vivendas. No contorno mais occidental da área intervida ábrese a nova rúa que servirá para ascender dende Castrón d’Ouro cara os Pexigos.

A nova praza do Olvido ocupará o espazo central desta área, subdividida polo actual outeiriño verde, o cal se aproveita para crear un camiño transversal que comunicará a nova rúa coa do Olvido. Tamén se habilitará un parque de xogos infantís e, xa na confluencia con Pexigos e Olvido, situarase un elemento icónico como é unha árbore do Olvido, acompañada de bancos ao seu carón.

Núcleo da Canteira
Tras a visita á rúa do Olvido, o alcalde dirixiuse ao núcleo da Canteira. Sobre esta actuación, destacou tamén a súa complexidade, tanto pola polo pouco espazo dispoñible como polos desniveis do terreo. Ante isto, afirmou, "intentou dárselle unha regularidade e linealidade á beirarrúa".

A ordenación funcional deste espazo supuxo un investimento de 1.036.412 euros. Actuouse sobre dúas rúas, cun longo entre as dúas de 655 metros: Canteira de Arriba, 570 metros; e Canteira de Abaixo, 285 metros.

Habilitáronse 2.500 metros cadrados de beirarrúas en adoquín de formigón, e 3.700 metros cadrados de vieiros, para os que se utilizou aglomerado asfáltico. Na parte do Camiño Francés, 980 metros cadrados, optouse por adoquín en granito.

A urbanización deste espazo completouse coa instalación de 41 luminarias e coa instalación de colectores de saneamento e de novas canalizacións soterradas eléctricas e telefónicas. Ademais, construíuse un muro de contención e unha varanda metálica.

Compartir: