CULTURA

Cineuropa acolle a presentación en Galicia do documental "Señora de"

18/11/2009 Hai apenas dúas semanas, o equipo de Señora de retornaba da Seminci cun galardón debaixo do brazo. O documental producido por O Raio Verde e dirixido por Patricia Ferreira obtivo en Valladolid o terceiro premio da sección Tempo de Historia, na que o festival acolle os filmes de non ficción de natureza histórica. O filme muda de festival e desembarca en Cineuropa para celebrar a súa estrea en Galicia.

Señora de amosa os testemuños de varias xeracións de mulleres que se viron forzadas a reprimir os seus desexos, dereitos e mesmo pensamentos polo feito de nacer nunha época determinada. Mulleres de diferentes estratos sociais e educativos, de moi diversos ámbitos xeográficos, falan por primeira vez das súas vidas. "A película é de todas elas", dixo a realizadora, Patricia Ferreira, pola súa valentía á hora de relatare unhas formas de vida que hoxe semellan intolerables e, con todo, determinaban a experiencia diaria das mulleres nunha Galicia e España aínda recentes.

Unha das voces de Señora de, Filomena Rey, manifestou na rolda de prensa previa á estrea en Cineuropa ter recibido o traballo como unha "homenaxe" e unha "recompensa" a todas as mulleres que tiveron a oportunidade de falar sobre o seu silencio. Pero tamén "a aquelas persoas que non puideron dicir nada e tiveron que facer a súa vida disimulando os golpes que recibían" e a aqueloutras que, privadas de voz e voto, "non podían abrir a boca nin na súa propia casa".

A primeira das historias que recupera o filme é a de María, que en 1962 viaxou a Madrid para ser internada no Patronato de la Mujer, residencia de acollida de mozas solteiras que quedaran preñadas. Alí pasou o embarazo e os primeiros meses co seu fillo, nun réxime case carcerario, privada do dereito a case todo. O seu testemuño dá inicio a un percorrido pola vida dun grupo de mulleres que viviron a mocidade e madurez no franquismo, consideradas todas elas como cidadás de segunda categoría.

O filme é unha produción de O Raio Verde Medios Dixitais, que contou coa coprodución da Compañía de Radio Televisión de Galicia e o apoio da Consellería de Cultura e Turismo e do Ministerio de Cultura. Trátase da cuarta longametraxe que dirixe Patricia Ferreira, despois de Sei quen es (1999), O alquimista impaciente (2001) e Para que non me esquezas (2005), todas elas de ficción. Non é a primeira vez, con todo, que se aproxima ao documental: durante a súa longa carreira en televisión traballou en numerosos proxectos e series desta natureza.

Catro anos de traballo previo
Os inicios do proxecto remóntanse a 2005, ano en que Carmen Rábade e Patricia Ferreira comezan a preparar a produción. Neste intre foi preciso realizar un exhaustivo traballo de campo destinado a conseguir trece voces femininas, de entre 60 e 80 anos, que fosen representativas da realidade que o filme quería trasladar. Foron precisas máis de trescentas entrevistas en núcleos urbanos, aldeas, áreas de costa e de interior de Galicia e León. A esa dificultade de partida engadíuselle outra: "moitas mulleres non se atrevían a falar destes temas, ou mesmo lles estaba prohibido polo home ou os fillos", explicou Patricia Ferreira.

Entre as mulleres que si deron o seu testemuño seleccionáronse as trece que interveñen na montaxe final. Unha delas, Ana Blanco, quixo apuntar o que, ao seu xuízo, constitúe o maior valor da película. "Grazas a isto, as xeracións posteriores comprenderán que isto non eran historias de avoas: esta película é, por fin, a nosa voz", celebrou.

Na presentación ante os medios de Señora departiciparon a concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde; o director de Cineuropa, José Luís Losa, a directora da película, Patricia Ferreira; a co-guionista e produtora executiva, Carmen I. Rábade; e mais Ana Blanco e Filomena Rey, dúas das trece mulleres que interveñen no documental cos seus testemuños. O equipo da película ten previsto participar na presentación do documental ante o público do Teatro Principal.

Compartir: