EMPREGO

Ábrese o prazo de inscrición na segunda quenda do Persoa IV

18/11/2009 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou a segunda quenda do Proxecto Persoa IV, destinado a 60 persoas desempregadas. Este proxecto experimental de emprego ten como obxectivo promover a integración laboral de 120 desempregadas/os a través da súa participación nun proceso integral de inserción denominado Itinerarios de inserción sociolaboral, que contemplan formación, prácticas en empresas e apoio á colocación en ocupacións consideradas novos xacementos de emprego.

O Persoa IV focaliza a súa atención nos servizos persoais a coidadores de persoas maiores, de persoas enfermas e discapacitadas, e de nenos/as. Ademais de traballar a inserción laboral incide na cobertura de servizos sociais fundamentais, formando ao alumnado nun sector considerado como un novo xacemento de emprego: o sector dos servizos ás persoas. Promovendo este tipo de políticas, cóbrese unha demanda social, e avánzase, ao mesmo tempo, cara unha sociedade do benestar. Integrado no Pacto polo Emprego de Santiago de Compostela, o Persoa IV conta cun orzamento de 720.000 euros, cofinanciados polo Fondo Social Europeo.

O prazo de inscrición no programa prolongarase ata o 7 de decembro e está previsto publicitar a convocatoria con anuncios en prensa, televisión local e radio local. O Persoa IV está dirixido a persoas desempregadas, sobre todo persoas menores de 30 anos e maiores de 45, desempregadas/os de longa duración e mulleres que abandonaron o mercado laboral e queren reinsertarse.

As persoas interesadas en participar teñen que entregar o formulario de solicitude, debidamente cuberto, en calquera dos rexistros cos que conta o Concello de Santiago de Compostela. Este formulario pódese recoller nas oficinas de Atención á Cidadanía, da Concellaría de Promoción Económica e Emprego, ou en calquera rexistro do Concello. Tamén se poder descargar, xunto ás bases, da páxina web da Concellaría de Promoción Económica e Emprego: www.maiscompostela.org. Xunto á solicitude compre achegar: tarxeta de demandante de emprego, copia do documento de identidade, currículum vitae da persoa interesada, documentos ou certificados acreditativos dos méritos alegados, e informe de vida laboral.

As 60 persoas seleccionadas conforme ao baremo establecido nas bases, formaranse en catro especialidades (15 por acción formativa), que son:
a) Atención temperá e estimulación precoz: destinado a persoas con Ciclo superior de Educación Infantil, diplomadas en Traballo Social, Educación Social ou Maxisterio, ou licenciadas en Psicoloxía, Pedagoxía ou Psicopedagoxía.
b) Auxiliar de axuda a domicilio. Atención sociosanitaria a persoas no domicilio: requírese ESO ou equivalente.
c) Xestión e desenvolvemento de servizos e empresas de axuda a domicilio: destinado a persoas diplomadas en Traballo Social, Educación Social ou Maxisterio, ou licenciadas en Psicoloxía, Pedagoxía ou Psicopedagoxía.
d) Especialista en asistencia persoal: requírese ESO ou equivalente.

Primeira quenda
As 60 persoas, 41 mulleres (68,3%) e 19 homes (31,6%),que participan na primeira quenda, que comezou en xaneiro de 2009, formáronse en catro especialidades, de 15 alumnas/os cada unha: Especialista no coidado e atención a persoas maiores e discapacitadas, Dirección e xestión de centros e servizos de atención a maiores, Especialistas en mediación familiar e socioeducativa na resolución de conflitos, e Reparación, mantemento e adaptación de edificios e vivendas para maiores e dependentes. En agosto rematou a fase de prácticas. 50 persoas realizaron prácticas en 33 entidades e empresas (das outras dez, seis xa estaban insertadas e o resto renunciou ás prácticas).

En setembro comezou a última fase, a de inserción laboral, que aínda se está desenvolvendo. Neste momento hai 21 persoas insertadas laboralmente en 20 empresas ou entidades, a través de contratos de diferente duración, o que representa o 35%. 14 son mulleres e 7 homes.

228 persoas presentaron a solicitude para participar na primeira quenda do Persoa IV. 179 inscricións, o 78,5% eran de mulleres, e 49 de homes, o que representa o 21,5%.

No anterior proxecto Persoa rexistrouse un 98% de insercións laborais, a través de contratos de diferente duración. 103 persoas (97 mulleres e 6 homes) das 105 (99 mulleres e 6 homes) que participaron nalgunha das sete especialidades desenvolvidas no Proxecto Persoa III accederon ao mercado de traballo a través de contratos de diferente duración.

Compartir: