ALCALDÍA

O Concello outorgará a Medalla de Ouro ao Mérito Cidadá ao Colexio Compañía de María

17/11/2009 A proposta do alcalde compostelán e presidente do Consello Asesor de Condecoracións, Xosé A. Sánchez Bugallo, o Pleno da Corporación aprobará, na súa sesión ordinaria do xoves 26 de novembro, a concesión da Medalla de Ouro ao Mérito Cidadá ao Colexio da Compañía de María de Santiago de Compostela, como agradecemento e recoñecemento do labor prestado ao longo de 250 anos.

Segundo se sinala no texto que se levará ao Pleno "a proposta do outorgamento da Medalla de Ouro, na súa modalidade de Mérito Cidadá, ten lugar polos destacados merecementos que poidan contraer relevantes personalidades ou institucións españolas ou estranxeiras no interese da cidade. Así corresponde a esta proposta, en atención aos méritos que concorren nesta institución educativa e que a continuación se detallan, ao cumprirse o día 2 de novembro do presente ano, o 250 aniversario da súa presenza na cidade con dedicación á educación e formación dos escolares. Preténdese así homenaxear a unha institución pola que teñen pasado miles de alumnos de Santiago e da súa área de influenza.

A orde relixiosa da Compañía de María naceu hai 400 anos en Burdeos, (Francia) e estendeuse por toda Europa. Foi fundada por Santa Juana de Lestonnac co fin de educar ás mulleres, aínda que hoxe todos os colexios da Orde son mixtos e concertados, e están plenamente adaptados aos cambios culturais, sociais e históricos que marcan os novos tempos. O colexio forma aos seus alumnos humanística e intelectualmente de acordo co ideario que comparten mestres -na súa maioría laicos- alumnos e pais.

Foron seis relixiosas chegadas de Tudela e apoiadas polo arcebispo Rajoy, as que comezaron o camiño da Compañía de María en Santiago en 1759. Hospedáronse no antigo Hospital de San Benito do Campo, hoxe Praza de Cervantes, e alí estiveron ata 1765, ano no que se trasladaron á actual sede na rúa que leva o nome do colexio, rúa da Enseñanza, antes rúa General Aranda.

As monxas da Compañía de María foron pioneiras na creación da Escola de pais e nais, co fin de facelos partícipes da educación dos seus fillos e crear ao mesmo tempo unha canle de comunicación fluída entre a institución e as familias. Hoxe atende uns 1.200 alumnos de entre 3 e 17 anos, ao tempo que destacan pola súa participación na vida cidadá, traballando de xeito especial nos barrios de Compostela. Fundaron dúas escolas infantís, ‘Raiola’ no Castiñeiriño e ‘A Casa do Neno’ en San Lázaro, que continúa estando dirixida por elas. Tamén participan activamente como voluntarias en Cáritas, Proxecto Home, e no Cottolengo".

A proposta do alcalde remata sinalando que "por todo isto, coa admiración e respecto que merecen, tanto na dirección da institución educativa máis antiga da cidade, como nos proxectos nos que están socialmente involucradas, son merecedoras do recoñecemento que se propón".

Documentos relacionados



Compartir: