CULTURA

Presentado o XV Premio de Investigación Antonio Fraguas sobre o Traxe Galego

17/11/2009 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, presentou unha nova edición do Premio de Investigación Antonio Fraguas sobre o Traxe Tradicional Galego. No acto acompañouna Rita Miramontes, presidenta da Asociación do Traxe Galego, entidade que convoca o certame por 15º ano consecutivo. O fallo do xurado coñecerase o día 10 de decembro nun acto que se celebrará no Concello.

Socorro García quixo agradecer á Asociación do Traxe o seu labor a prol da posta en valor desta importante manifestación cultural do país, definindo este premio como "difícil de obter, esixente nas súas bases". A concelleira fixo especial fincapé nas moitas vías de coñecemento que abre o certame, xa que transcende os valores do traxe mesmo e amplíase ás crenzas, valores e modos de expresión da nosa sociedade a través do tempo. "Este premio é unha boa base para coñecermos mellor a nosa historia e, sobre todo, a historia da vida das xentes, algo que nos axuda a seguir construíndo o futuro", apuntou García Conde.

A Asociación do Traxe Galego é unha entidade cultural sen ánimo de lucro que, dende 1995, traballa pola promoción, dignificación, uso e goce do traxe tradicional galego. A asociación promove ademais o que é único premio de investigación sobre o traxe tradicional celebrado no país. A convocatoria para a presentación de traballos a esta 15ª edición xa está aberto e así permanecerá ata o próximo 30 de novembro.

Na presente edición do certame compoñen o xurado catro nomes que representan outras tantas institucións culturais de noso: Xosé Manuel González Reboredo, do Consello da Cultura Galega; Ana Blanco Gómez, da Fundación Rosalía de Castro; Felipe Senén López Gómez, da Deputación da Coruña; e Xesús Ferro Ruibal, do Centro Ramón Piñeiro. O día 10 de decembro coñecerase a decisión do xurado e procederase á entrega dos premios no Salón Nobre do Pazo de Raxoi.

Dous premios para dous tipos de traballos
O certame abrangue dúas modalidades: a de traballos analíticos, dotada cun primeiro premio de 1.200 euros; e a de traballos descritivos, dotada con 600 euros. Considéranse traballos descritivos aqueles que, recuperando traxes, especifiquen a materia con que están feitas as pezas, medidas, patróns, lugar do seu achado, lugar actual e datación de cada unha das pezas, sen necesidade de achegar as pezas mesmas. En troques, os traballos analíticos serán todos aqueles que, ademais, investiguen quen elaborou o traxe, con que mecanismos, modo de traballo e área de distribución da súa produción.

Recoméndase que a modalidade analítica tamén se achegue ás crenzas e valores relacionados co traxe, á influencia na indumentaria dos poderes relixiosos, económicos e políticos, e finalmente aos aspectos sociolóxicos, como os relacionados cos artesáns (zoqueiros, costureiras, etc.). Todos os traballos deberán achegarse á sede da Asociación do Traxe Galego (Avenida de Coimbra, 2-baixo – 15704 Santiago de Compostela) mediante correo certificado, non máis aló do 30 de novembro de 2009.

Compartir: