PROMOCIÓN ECONÓMICA

O Concurso de novas ideas empresariais premia seis proxectos

17/11/2009 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou os proxectos premiados en cada unha das seis modalidades do Concurso de novas ideas empresariais Compostela Activa 2009. Este programa, enmarcado no Servizo de Apoio á Empresa, ten como obxectivo axudar a aquelas persoas que queiran desenvolver un novo proxecto empresarial no Concello de Santiago.

Para aquelas persoas que teñen unha idea de negocio, pero non dispoñen de medios para materializala, a Concellaría organiza este concurso, que nesta edición destinaba 24.000 euros a premios, que se repartiron da seguinte forma:

1. Novas ideas empresariais categoría xeral: presentáronse 14 solicitudes. Resultou premiado o proxecto Itíneris Consulting.
2. Novas ideas empresariais promovidas por mulleres: presentáronse 6 solicitudes. Resultou premiado o proxecto Cultureka.
3. Novas ideas empresariais promovidas pola xuventude: presentáronse 7 solicitudes. Resultou premiado o proxecto Abastos.
4. Novas ideas empresariais categoría Autoemprego: presentáronse 10 solicitudes. Resultou premiado o proxecto Mama Egue.
5. Novas ideas empresariais Comercio-Turismo: presentáronse 11 solicitudes. Resultou premiado o proxecto O pazo das musas.
6. Novas ideas empresariais Industria-Servizos avanzados para empresas: presentáronse dúas solicitudes. Resultou premiado o proxecto NIX VFX Factory.

Cada un dos proxectos premiados vai percibir 4.000 euros, dos que hai que descontar impostos. Tal e como establecen as bases do Concurso de novas ideas empresariais Compostela Activa 2009, os proxectos gañadores foron seleccionados por unha Comisión de Expertos que valorou as 50 solicitudes que se presentaron ao certame. A avaliación realizouse en base aos seguintes criterios: que a persoa física ou membros da sociedade proveñan dunha situación de desemprego (menos na categoría de Autoemprego), que estea/n censados no Concello de Santiago, que a actividade empresarial a desenvolver se enmarque nos sectores de novas tecnoloxías da información e a comunicación, servizos medioambientais, servizos culturais e de lecer, servizos á comunidade, sectores emerxentes ou novos filóns de emprego. Tamén se valorou a utilización de recursos da zona, a viabilidade económica, financeira e técnica do proxecto, o emprego xerado, as mulleres contratadas, e a contribución á inserción de colectivos en situación desfavorable para a integración sociolaboral ou en situación de risco ou exclusión social.

O Concurso de novas ideas empresariais estaba dirixido ás persoas físicas ou xurídicas que teñan un proxecto empresarial e no momento de presentar a solicitude non iniciaran a actividade. Un mesmo proxecto podía presentarse a distintas categorías, sempre que se axustasen aos criterios especificados nas bases. Nesta edición o concurso establecía seis categorías distintas, fronte ás tres da anterior edición, na que se presentaron ao concurso 27 proxectos empresariais.

Na tramitación da documentación requerida, as persoas que presentaron un proxecto contaron coa colaboración e asesoramento do Servizo de Apoio á Empresa. Este servizo, ofrecido pola Concellaría de Promoción Económica nas oficinas da rúa do Hórreo, número 100, ten como obxectivo apoiar a creación e consolidación de empresas pondo a disposición das persoas emprendedoras, empresas e comercios, medios humanos e materiais para axudalos no desenvolvemento e consolidación dos seus negocios.

O Concurso de novas ideas empresariais é a primeira convocatoria de Compostela Activa que se falla. Queda por resolver a liña de incentivos Axudas para a creación de novas empresas, a que se presentaron 28 solicitudes e que conta cun orzamento de 80.000 euros.

Compartir: