CENTROS SOCIOCULTURAIS

A nova exposición no centro sociocultural das Fontiñas mistura acuarela e pigmentos naturais

11/11/2005 O sábado 12 ás 19 horas inagúrase a mostra de acuarelas "As cores da Terra", de José Caballo, que estará no centro sociocultural das Fontiñas ata o 22 de novembro.

A concelleira de Centros Socioculturais, Mercedes Rosón, inaugurará o sábado 12 de novembro ás sete da tarde a nova exposición do Centro Sociocultural das Fontiñas, que baixo o título "As cores da terra" trata de fluír da "auga á terra", como explica o seu artífice, José Caballo.

Así, as obras que estarán expostas ata o 22 de novembro van da técnica do trazo e da cor transparente da acuarela ao empaste e modelado das cores pardo-roxizas e ocres do chan. Caballo intenta, coa súa mostra, facer "un cambio drástico de técnica", "un continuar na aventura artística, utilizando como materiais a terra natural seca e tamizada, as areas da praia e algún que outro pigmento". Todos os materiais xúntanse logo "con cola, capa tras capa, ata plasmar en volume as asperezas, luces e sombras da paisaxe, tanto urbano como natural", explica o artista.

A obra exposta é un intento de ennoblecer a materia enriba da que vivimos, tan esquecida como desexada polos que viven lonxe delas.

José Caballo é cartógrafo, actividade á que leva dedicada toda a súa vida profesional. Nacido en Ferrol no 1933, Caballo desenvolveu a técnica da acuarela de xeito amateur desde os sete anos.

Compartir: