MERCADOS

A Caravana dos Cativos trae a Santiago os personaxes de animación máis populares

17/11/2009 O recinto feiral de Amio acollerá os días 20, 21 e 22 de novembro o parque temático infantil "A Caravana dos Cativos". Tras o éxito de 2008, regresa este evento, promovido pola Concellería de Mercados, que xunta nun único evento a multitude de coñecidas personaxes de animación infantil.

A Caravana dos Cativos traerá ao recinto de Amio a personaxes como Doraemon, Shin Chan, Keroro, as Tartarugas Ninja ou Heidi. Os rapaces poderán falar con eles e facerse fotos. Ademais, os pequenos terán a oportunidade de asistir a un espectáculo de variedades da compañía galega Brétema.

O horario de apertura do evento será de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas. A entrada para todo o día terá un prezo de 3 euros e poderá mercarse no mesmo recinto.

Nunha das naves de Amio haberá un escenario e unha ampla zona de butacas para que os máis pequenos cos pais poidan gozar dos espectáculos infantís. Tamén se habilitará unha zona de photocall para que os máis pequenos leven un recordo do seu paso pola Caravana dos Cativos.

En canto ás actividades, o público asistente poderá gozar de diferentes zonas: zona de inchables, zona deportiva, zona de videoxogos, zona de talleres, zona de alimentación, etc. Ademais, un experto en cetrería realizará unha demostración sobre esta arte e os nenos de menor idade poderán divertirse en diferentes talleres. Tampouco faltarán nesta ocasión as cuncas e bañeiras móbiles a motor, de tanto éxito na primeira edición.

Na edición do 2008, A Caravana dos Cativos encheu o recinto feiral de Amio. Daquela, en dous días, houbo case 12.000 visitas. Este ano, as actividades esténdense tamén á xornada do venres, facéndoa coincidir co Día Internacional da Infancia, que se celebra o 20 de novembro.

Compartir: