CULTURA

Oliver Laxe, segundo cineasta convidado no ciclo "Emerxentes" de Cineuropa

13/11/2009 Oliver Laxe é a segunda figura homenaxeada no marco da sección Emerxentes, co que Cineuropa quere axudar espallar a obra de catro nomes sobranceiros no actual cinema galego. Ás 20:00 horas do venres 13 proxectaranse no Teatro Principal catro filmes asinados polo cineasta coruñés, entre eles unha versión provisional da que será a súa primeira longametraxe. O propio Laxe fará unha introdución á súa obra e, tras as proxeccións, manterá un coloquio co público presente.

A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, presentou esta nova sesión retrospectiva do ciclo Emerxentes de Cineuropa, inaugurado mércores 11 coa sesión dedicada a Ángel Santos. Socorro García quixo agradecer a Oliver Laxe o feito de compartir co público de Cineuropa un avance da súa obra máis recente. Ao fío, o director do festival, José Luis Losa, quixo destacar a "mirada abraiante, por diversa" de Oliver Laxe, e destacou tamén que o público de Cineuropa terá a oportunidade de asistir a unha obra en formación.

As mimosas é o título do que será primeiro filme de longa duración a cargo de Oliver Laxe. Trátase dunha obra concibida e producida no marco do proxecto Dao Byed (Luz Branca), un proxecto que o autor calificou de "experiencia de antropoloxía compartida" e no que traballou canda a un grupo de rapaces socialmente excluídos na cidade marroquí de Tánxer. Desta película, que se atopa en proceso de posprodución, poderase ver un avance este serán, ademais doutros tres filmes curtos do autor: Grrr! Núm. 7: As chemineas decidiron escapar, Soa a trompeta: agora vexo outra cara e mais París#1. Este último é seu traballo máis visto ata a data e xa foi premiado no Filminho e no Play-doc de Tui.

De Marrocos a Compostela
A rolda de prensa serviu ademais para presentar unha nova iniciativa que levará a Laxe a mudar Tánxer por Compostela a partir do mes de febreiro. Trátase dun proxecto, como introduciu a concelleira de Cultura, destinado a "reflexionar sobre a cidade e a visión da cidade", que levará a Laxe a mergullarse en Compostela e "traballar a carón dos estudantes, as institucións e a cidadanía".

O cineasta será o primeiro artista residente de Factoría Compostela, un centro de creación e experimentación artística que no acto presentou a súa responsable e directora da galería compostelá C5 Colección, Concha Fontenla. Factoría, que xa conta cunha sede na Habana, presentarase a fins de novembro e será un laboratorio de ideas, transversal e multidisciplinar, que quere implicar uns 30 artistas por ano e que contará con área de residencia.

Alí traballará e, de feito, vivirá Oliver Laxe entre os meses de febreiro e xuño. Paralelamente, Laxe exercerá como docente no Máster en Comunicación e Industrias Creativas da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. Na representación do Máster, que manterá un traballo coordinado con Factoría, interveu a catedrática Margarita Ledo.

O máster está orientado, apuntou Ledo, a "activar políticas públicas para o proceso de creación contemporánea, movendo os distintos axentes" e, dende o punto de vista dos contidos, a "pensar a relación entre creatividade e produto destinada a que estes produtos funcionen", mais sempre fuxindo do concepto de "cinema para especialistas". Neste sentido, Margarita Ledo fixo fincapé na necesidade de "dar que pensar para poder facer", e por iso sinalou a importancia de contar con Laxe, xa que "sempre traballa con cousas que están á volta".

Un proxecto para "sentir o pulso cidadán
Baixo a batuta de Oliver Laxe e baixo o soporte de Factoría e do máster, desenvolverase durante estes meses un "obradoiro de pedagoxía experimental", en palabras do propio cineasta. El dirixirá un equipo, xunto co alumnado do máster, encamiñado a "pensar Galicia a través da imaxe e, ao mesmo tempo, pensar sobre a imaxe a través de Galicia". O epicentro deste proxecto estará en Factoría, "un centro pioneiro con cuxa ideoloxía me identifico totalmente", dixo Laxe.

Laxe axudará a erguer o Laboratorio de Alternativas Urbanas dentro de Factoría, destinado a "facer que a cidade forme parte do proceso creativo actual como un sedimento máis", segundo afirmou Concha Fontenla. Dende alí, o cineasta coordinará un proceso creativo que terá as portas abertas á cidadanía: "imos abrir este proxecto á xente: isto será un work in progress destinado a sentir o pulso cidadán, porque é esencial para trazar pontes con todos eses espectadores que queremos encontrar", dixo Laxe. As imaxes que se vaian xerando publicaranse cada tres semanas para fomentar o debate público.

Compartir: