ALCALDÍA

O alcalde afirma que o reparto de fondos para as liñas de baixo custo non respecta a diferenza relativa entre os aeroportos

13/11/2009 Para o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, o reparto de fondos para as liñas de baixo custo anunciado pola Xunta "é un reparto igualitario, pero non respecta a diferenza relativa que existe entre cada un dos aeroportos". Con todo, considerou "moi positivo que a Comunidade Autónoma se implique neste tema".

Sánchez Bugallo apuntou que, fronte ao anuncio dun reparto de fondos "en base ao peso de cada aeroporto e ao compoñente turístico de cada aeroporto", a realidade é que "non nos saen as contas por ningún lado". "Se calculamos o peso total do noso aeroporto no sistema aeroporturario galego, danos o 47,4%, e se miramos o compoñente turístico, entre o 57 e o 60%. En cambio, o que nos toca no reparto de fondos é o 34%", dixo. Mesmo sumando os 500.000 do Xacobeo aos 1.376.000 euros, co total de 1.876.000 euros, a porcentaxe sería do 40%. Así pois, "moi satisfeitos non podemos estar", engadiu.

Malia todo, valorou que "Santiago ten garantido o mantemento da rota de París e a novade Zurich con Vueling e garantidas tamén as tres conexións internacionais que ten con Ryanair". Ademais, expresou a súa satisfacción polos datos do aeroporto en outubro, cun incremento do 9,2% no número de pasaxeiros, converténdose nun dos únicos tres aeroportos españois que medrou neste período.

Facultade de Medicina
Sobre a convocatoria de prazas docentes pola Facultade de Medicina, o alcalde cualificou como "decepcionantes" as declaracións do presidente da Xunta ao respecto e recordoulle que el ten "a responsabilidade do conxunto de Galicia". Ademais, apelou a unhas palabras pronunciadas polo propio Alberto Núñez Feijoo: "As tres universidades non poden ser sinónimo de duplicidade, senón de innovación e calidade".

Falou dunha intencionada "confusión absoluta" sobre este tema e recordou que "a Comunidade Autónoma non fixa o número de prazas de medicina, senón que o fai o Ministerio de Educación previo acordo do Consello de Coordinación Universitaria e previo informe do Consello de Política Universitaria". Neste sentido denunciou a inxerencia competencial da conselleira de Sanidade. "O que depende dela é habilitar hospitais para que neles se imparta docencia", dixo, reclamando unha vez máis que "se actúe con coherencia".

Ratificou o seu apoio á decisión da USC e denunciou a postura dos que manteñen que "todo o que está en Santiago hai que repartilo e todo o que está na Coruña non hai que tocalo". Con todo, manifestou a súa intención de cumprir un pacto verbal realizado no marco do Estatuto da Capitalidade ao respecto da situación física das diferentes institución. "Eu non abrirei esa fronte, salvo que alguén abra todos os demais", afirmou.

San Ignacio de Loyola
Outro tema da comparecencia foi o grupo de vivendas de San Ignacio de Loyola, tamén coñecido como Banco do Pobre. "A nosa intención é aprobar o Plan Especial do Campus Universitario en febreiro", dixo. Na actualidade este documento está en período de exposición pública.

Logo asinarase un convenio polo que o Concello se compromete a adquirir os terreos deste grupo e a facer a permuta coa USC, o que suporía "unha garantía para os veciños". Deste xeito, a USC entregaría ao Concello unha parcela en Vista Alegre, o Concello realizaría as expropiacións e realoxaría aos veciños en Volta do Castro. Así llo manifestou o alcalde a estes veciños na reunión mantida con eles.

IBI no rural
Sánchez Bugallo tamén anunciou que o Concello formulará ao Centro de Xestión Catastral unha proposta para que se realice unha redución do valor catastral do solo a unha serie de vivendas do rural que están cualificadas como en solo urbano, "pero que moitas delas aínda non teñen determinados servizos básicos". Deste xeito, mitigarase dun xeito importante o incremento previsto do imposto de bens inmobles (IBI) para estes propietarios.

Con todo, recordou que esa clasificación como urbanas se realizara a petición dos propios veciños e que o número de vivendas afectadas é de 1.200. "O promedio de bonificación perdida é de 40 euros", dixo, para un montante total de algo máis de 40.000 euros.

Compartir: