CULTURA

Sons da Diversidade estrea a sétima edición co artista xaponés Ryuichi Sakamoto

12/11/2009 O ciclo Sons da Diversidade, organizado pola concellaría de Cultura, comeza o venres 13 de novembro unha nova edición cargada de novidades: presenta por primeira vez unha tempada de novembro a xuño, na que ademais se puxeron á venda abonos con importantes descontos. O ciclo comeza co concerto do xaponés Ryuichi Sakamoto no Auditorio de Galicia, ás 21:00 horas.

Playing the piano é a primeira xira en solitario de Ryuichi Sakamoto dende o ano 2000. Nela presenta o seu primeiro álbum en solitario en cinco anos, tamén chamando Playing the piano, que inclúe o seu repertorio máis coñecido, gravado en directo en Xapón. Unha edición especial incluirá, ademais, outro disco, Out of noise, no que o compositor xaponés amosa a súa mestría á hora de mesturar a música acústica coa electrónica.

Sakamoto é un dos compositores e músicos máis premiados da escena musical actual. A súa carreira caracterizouse sempre por romper as barreiras entre a música e a tecnoloxía, experimentar con xéneros musicais tan diversos como a música electrónica, o pop ou a música sinfónica, e traballar coas máis importantes bandas de rock e música moderna do Xapón, onde foi membro fundador do mítico grupo Yellow Magic Orchestra (YMO). O seu maior éxito internacional débello, porén, ás bandas sonoras que compuxo para dezaoito películas, entre as que cómpre salientar Benvido Mr. Lawrence, O último emperador (pola que obtivo un Oscar e un Grammy), O ceo protector e Femme fatale.

Esta xira abarca o seu repertorio máis coñecido. Ademais, pon en práctica a súa filosofía de respecto polo medio ambiente ao comprometerse a reducir as emisións de C02 e a compensar a creación de refugallos coa compra de créditos de carbono a empresas que invisten en enerxías alternativas.

As entradas poden mercarse en www.caixagalicia.es e no 902 434 443 ata 24 horas antes do concerto. Ademais, tamén poden adquirirse no propio despacho de billetes do Auditorio de Galicia durante toda a xornada do xoves, e do propio día do concerto, venres, de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas, ou tamén chamando por teléfono ao Auditorio, baixo a forma de pago por tarxeta e podendo ser recollidas ata media hora antes do comezo do concerto. O prezo das entradas é de 20 euros; a metade, 10 euros, para xubilados e menores de 25 anos. Ás 16:00 horas do xoves 12 apenas quedaban 20 entradas para o concerto.

Compartir: