EDUCACIÓN E MOCIDADE

Os rapaces das escolas rurais compostelanas xa poden "troular con arte"

10/11/2005 A ludoteca itinerante Troularte é un proxecto das concellerías de Educación e Mocidade e Promoción Económica que pretende ofrecer unha alternativa de lecer aos rapaces que non teñen á súa disposición unha ampla oferta de actividades extraescolares, por formarse en escolas e centros rurais de Santiago.

Troularte recupera dous eidos complementarios: troular ou xogar con arte e facer arte de xeito lúdico.

Ao longo do curso a ludoteca visitará, as escolas do rural de Compostela unha vez por semana e as actividades que se realicen orientaranse a un tema concreto cada mes. Así, en outubro estarán dedicadas aos seres máxicos, en novembro o tema será "Galicia, o país das marabillas", en decembro "Un Nadal diferente", en xaneiro os obradoiros serán "entre fogóns", en febreiro tratarase das "tribos do mundo" e, por último, en marzo, da natureza en perigo.

Haberá un tempo para xogar mediante xogos de pistas, xogos de esconder, de roda, por equipos, xincanas, roteiros e un tempo para facer obradoiros, de refugallo, de elaboración de brinquedos, de danzas ou de receitas de cociña.

As escolas onde es desenvolve este programa son CEIP Roxos Villestro, CEIP Rodriguez Xixirei, CEIP Arquitecto Casas Novoa para nenos e nenas entre 4 e 12 anos mentres que nas escolas rurais de A Susana, O Sisto, A Peregrina, O Gaioso, Feáns e O Rial, as actividades son para nenos e nenas de entre 4 e 7 anos.

A empresa Sandobela de xestión e dinamización sociocultural pón en marcha este proxecto no que participan nove centros e perto de 150 nenos.

O programa desenvólvese a través dos Departamentos Municipais de Educación e Mocidade e o de Promoción Económica e conta cunha subvención da Xunta de Galicia para a Contratación de servizos con empresas de economía social.

Compartir: