CONSUMO

A OMIC edita unha nova guía de concienciación sobre a reciclaxe

11/11/2009 A Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) vén de editar unha Guía práctica para reciclar. A publicación pretende concienciar da importancia da reciclaxe e dar a coñecer dun modo rápido e sinxelo algúns dos materiais que con máis frecuencia se atopa o consumidor.

O concelleiro de Sanidade e Consumo, Andrés Fariña, presentou esta nova guía, da que se editarán 1.000 exemplares. Destacou que "cada vez se recicla mellor", pero que aínda queda moito por facer neste campo. En particular, quixo lembrar aos cidadáns de Santiago que existe un servizo de recollida de voluminosos, que funciona chamando ao 981 565 469 en horario de 7:30 a 13:30 horas.

Na presentación tamén participou Luís Míguez Macho, catedrático de dereito administrativo e membro da Federación Galega de Euroconsumidores, quen explicou os principais capítulos da guía. Nesta incídese en cuestións como o xeito correcto de reciclar, o tipo de residuos ou a clasificación nos distintos colectores.

Míguez destacou que, se ben hai un coñecemento cada vez máis xeneralizado dos distintos contedores e cores, si se descoñecen algunhas especificidades que deben ter os residuos que neles se depositan. Puxo como exemplo que non se deben depositar lámpadas, cristais, espellos, cerámica ou vasos no colector verde, ou papel de autocopiado, etiquetas adhesivas ou bricks no colector azul.

A Guía práctica para reciclar cun glosario, coa simboloxía da reciclaxe e cunha serie de recomendacións para fomentar esta práctica.

Compartir: