BENESTAR SOCIAL

Unha nova páxina web intenta concienciar á xuventude sobre o uso e abuso do alcohol

11/11/2009 A Concellería de Benestar Social, a través da Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD) pon en marcha unha nova campaña de sensibilización sobre o consumo de alcohol na xuventude. E esta vez faino aproveitando as novas tecnoloxías, a través dunha páxina web: www.quetocaestanoite.es.

A campaña foi presentada esta mañá pola concelleira de Benestar Social, Mar Martín, quen incidiu en que a nova páxina web pon en coñecemento toda unha serie de mitos e lendas sobre o consumo de alcohol, probas de habilidades para comprobar os efectos dos consumos, deixar opinións sobre formas alternativas ao ocio nocturno, etc. A presentación ao mozos da páxina celébrase o venres 13 de novembro, ás 22:00 horas, na Sala Capitol, coa actuación do grupo de novos talentos No Reply. As entradas, de balde, poden recollerse no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche, en Discos Gongs ou na tenda A Reixa.

O obxectivo desta campaña é que os mozos visiten a páxina, coñezan as falsas crenzas sobre o consumo de alcohol e vexan que existen outras alternativas de ocio. Ofréceselles incluso a posibilidade de participar en sorteos de entradas a concertos, cine, teatro, partidas de bolos...

Esta campaña enmárcase nos traballos preventivos que en torno á prevención do alcoholismo xuvenil vén realizando o Concello de Santiago. Así, xa no ano 1997 puxéronse en marcha campañas de sensibilización nas que se deseñaban slogans, carteis... Posteriormente plantexouse que a propia poboación á que se dirixían as medidas fose a que aportase ideas para a posterior posta en marcha das campañas. Foi así, como se iniciaron os concursos de ideas nos diferentes IES de Compostela con resultados finais como a campaña Punto e Coma.

No curso pasado a convocatoria pretendía chegar ao público universitario cun concurso de ideas para os estudantes de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago. É esta idea gañadora o eixo da proposta preventiva deste ano: a prevención a través das novas tecnoloxías.

Direccións relacionadas



Compartir: