EIXO ATLÁNTICO

Touriño apoiará ao Eixo na petición do AVE Vigo-Porto ao estado

10/11/2005 O titular da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, presionará ao presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, para que teña presente a construción dunha liña do AVE entre A Coruña e Porto porque é "vital para Galicia e o norte de Portugal", manifestou.

Os membros da Comisión do Eixo Atlántico que preside o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, reunironse co titular da Xunta, Emilio Pérez Touriño, para pedirlle o seu apoio na construción dun AVE A Coruña-Porto que conecte infraestruturas, mercadorías e viaxeiros entre as cidades do Eixo Atlántico. Ademais, os representantes do Eixo aproveitaron para pedirlle a Touriño que presidise a asamblea xeral que o Eixo celebrará entre os días 24 e 31 de xaneiro en Santiago, invitación que o presidente aceptou.

Esta era a primeira toma de contacto dos membros da Comisión do Eixo co presidente da Xunta, quen a calificou de "moi satisfactoria", manifestando o seu desexo de facerse partícipe dos proxectos e da herdanza recibida do anterior goberno.

Touriño opinou que o tema do AVE é unha "cuestión de estado" que trasladará ao presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero para que o teña presente durante o Cumio Iberoamericano, xa que é "vital para Galicia e o norte de Portugal" para evitar desequilibrios. A Xunta vai traballar para que os proxectos que unen Galicia e Portugal "se fortalezan", declarou o presidente da Xunta.

Tras este encontro, os membros da Comisión do Eixo teñen previsto entrevistarse co primeiro ministro portugués, José Sócrates, se ben aínda non está fixada a data para o encontro.

O Eixo Atlántico celebrará en Bruselas os días 28 e 29 de novembre o seu décimo aniversario.

Compartir: