COMERCIO

O concurso "Regalar custa pouco" escollerá as mellores propostas de agasallos para o Nadal entre 86 produtos

10/11/2009 Un total de 86 produtos, pertencentes a 16 estabelecementos comerciais, presentouse ao II Concurso catálogo de promoción comercial de Compostela Regalar custa pouco, organizado pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo. Á primeira edición, celebrada en 2008, presentáranse 51 produtos correspondentes a 14 comercios.

Os produtos presentados ao certame en seis categorías, dependendo do prezo de venda ao público. Ata 5 euros presentáronse 13 produtos; ata 10 euros 14; ata 20 euros, 15 produtos; ata 30 euros outras 15 propostas; ata 50 euros 16; e ata 100 euros 13 produtos. Cada comercio podía presentar unha candidatura por cada rango de prezos.

O mércores 11 de novembro, os comercios inscritos no certame amosarán os seus produtos, clasificados e etiquetados por categorías, que serán fotografiados por un profesional. A continuación, un comité de selección valorará as propostas presentadas, conforme á especialización dos produtos, á relación calidade-prezo e á novidade e orixinalidade no concepto de envases e embalaxes.

Todos os produtos seleccionados, que deberán figurar na oferta habitual do estabelecemento, como mínimo, durante os días que dure a campaña (do 25 de novembro ao 31 de decembro de 2009), incluíranse no catálogo que editará a Concellaría de Promoción Económica e que se distribuirá en diferentes entidades (Concello de Santiago, bibliotecas, centros socioculturais, etc.) e a través de distintas accións de animación en rúa. Trátase dunha publicación cunha tirada de dez mil exemplares, que se elaborará cun deseño atractivo, destinada ás compras de Nadal e con prezos asequibles e pechados.

O xoves 12 daránse a coñecer as propostas gañadoras. Este ano premiaranse tres produtos, fronte os dous da anterior edición. As mellores propostas do catálogo recibirán 750 euros (a clasificada en primeiro lugar) 350 euros (a segunda) e 200 euros (a terceira), ademais dun espazo publicitario en prensa local. Entre os comercios participantes tamén se sortearán cinco cheques de consultaría de servizos técnicos especialistas en interiorismo e decoración.

Regalar custa pouco, que conta cun orzamento de 30.000 euros, ten como obxectivo potenciar as compras nos establecementos comerciais da cidade durante o Nadal.

Compartir: