CULTURA

A Transición en Galicia, a debate en Cineuropa tras a proxección de "A mirada de Anna"

09/11/2009 Continúan as proxeccións de Cineuropa, que se celebra ata o 2 de decembro, pero tamén os diferentes eventos que se artellan arredor do festival, organizado pola Concellaría de Cultura. Así, o martes 10, tras a proxección de A mirada de Anna haberá un debate arredor da Transición en Galicia.

A cita comezará ás 20:00 horas na sede da Fundación Caixa Galicia, onde se proxectará a película dirixida e guionizada por Llorenç Soler e Jorge Alora. O filme amosa a mirada de Anna Turbau, que foi reporteira gráfica en Galicia durante a segunda metade dos anos 70. A súa mirada comprometida coas causas sociais fálanos das orixes do fotoxornalismo e dos convulsos movementos e cambios nos anos da Transición á Democracia en Galicia. A mirada de Anna está producida por Adivina Producciones, a TVG e Area TV e conta coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, así como da Generlitat de Cataluña e a televisión catalana.

Así, tras visionar o filme, sobre as 21:00 horas, dará comezo un interesante debate arredor da Transición en Galicia. Intervirán Xan María Castro, Camilo Nogueira, Luis Pasín e Encarna Otero que, moderados por Perfecto Conde, daránnos diferentes visións de como se viviu ese momento no noso país.

Moore e Haneke
A 23ª edición de Cineuropa é tamén a da premiere de Capitalism, a love story, a volta por todo o alto de Michael Moore á primeira plana, cun feroz documento que explica a súa sarcástica visión de por qué se produciu o caos financeiro do sistema. Logo de poder vela por primeira vez na xornada do luns, regresa ao Teatro Principal. Poderase ver tamén os días 12 e 14. O filme, o de maior éxito de Moore dende Bowling for Columbine, é un órdago aos poderes financeiros, que xa volven repartir beneficios desmesurados, e a súa fórmula de alternar humor con calculados golpes de efecto convertérono en fenómeno sociolóxico deste outono nos Estados Unidos.

Na xornada do martes 10 regresa a Cineuropa tamén A cinta branca de Michael Haneke, gañadora da Palma de Ouro no Festival de Cannes. Logo de colleitar un grande éxito o día da inauguración de Cineuropa, no que o público lle outorgou un 7,4 de nota, os seguidores do festival terán dúas oportunidades máis de vela: na xornada do martes, ás 22:15 horas, no Teatro Principal e, de novo o mércores, ás 22:00 horas, tamén no Principal.

Compartir: