EXTINCIÓN DE INCENDIOS

O Parque de Bombeiros acolle un curso de intervencións de extinción de incendios no patrimonio histórico

10/11/2009 A aula do Parque de Bombeiros de Santiago acolle ata o xoves 12 un Curso Básico de Intervencións de Extinción de Incendios en Patrimonio Histórico, organizado polo Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. Estas sesións completaranse na última xornada cun simulacro de incendio.

A concelleira de Seguridade Cidadá, Marta Álvarez-Santullano, abriu este curso, que reune en Santiago a destacados especialistas de diferentes corpos de bombeiros e doutros ámbitos relacionados coa protección do patrimonio en España. Así, a primeira das sesións xirou en torno ás accións de traballo nas Cidades Patrimonio da Humanidade e estivo conducida pola secretaria xeral do Grupo Español de Cidades Patrimonio da Humanidade, Sonsoles Guillén. A continuación interviu o arquitecto Javier García Castelo, que falou sobre o patrimonio histórico e artístico de Santiago de Compostela.

Nesta primeira xornada tamén estaba prevista a participación, con contidos relacionados coa protección de cascos históricos, do xefe de Bombeiros e Protección Civil de Segovia, José Luís del Pozo Benito, e de Fernando Rodríguez Hernández, de Bombeiros da Comunidade de Madrid.

O mércores 11 de novembro abrirá as intervencións Javier Delgado González, sarxento de Prevención do corpo de Bombeiros de Segovia, quen impartirá unha charla sobre intervención táctica de incendios. Logo tomará o relevo Emilio García Hernández, de Bombeiros da Comunidade de Madrid, que explicará varias experiencias reais acontecidas en cidades como La Laguna, Lisboa, Barcelona ou Madrid. A protección de museos, pinacotecas ou arquivos será o tema dos dous relatorios da tarde do mércores. Ocuparanse dos mesmos José Luís del Pozo Benito e Fernando Rodríguez.

A última das xornadas, o xoves día 12 dedicarase pola mañá a un taller de intervención sobre extinción de incendios, evacuación e manipulación de obras de arte. Conducirano José Luís del Pozo Benito, Fernando Rodríguez Hernández, Javier Delgado González e Emilio García Hernández. O curso pecharase cun simulacro de incendios.

Compartir: