CULTURA

Seis mil escolares asistirán á ópera "A Cincenta" no Auditorio de Galicia

09/11/2009 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, presentou no Auditorio de Galicia a ópera A Cincenta, do compositor italiano Gioachino Rossini. Encadrada nos Concertos Didácticos que ofrece o Auditorio, a obra está dirixida a escolares de 6 a 12 anos. Poderán gozar dela uns 6.000 nenos e nenas de toda Galicia.

Durante a presentación, a concelleira destacou que este programa extraordinario é froito da colaboración coa Obra Social de La Caixa e forma parte do Ciclo de Concertos Didácticos que dende a súa fundación, hai xa 20 anos, o Auditorio de Galicia vén programando en colaboración cos centros educativos e dirixido á comunidade escolar galega.

Organizados a modo de sesións pedagóxicas, os Concertos Didácticos adáptanse ás diferentes franxas de idade e promoven o coñecemento da música culta, xunto con outras disciplinas como a danza, o teatro, o jazz, a música tradicional, etc. Ademais, o Auditorio pon a disposición dos centros escolares guías didácticas para traballar previamente na aula.

A produción de A Cincenta é obra do Gran Teatre do Liceu de Barcelona, coa dirección musical de Stanislav Angelov e a dirección escénica de Joan Font (de Els Comediants). Esta representación ten a vontade de acercar a ópera ao público infantil e xuvenil. O elenco artístico desta versión reducida está formado polos cantantes acompañados por un fagot e un piano.

As representacións da montaxe serán un total de seis e terán lugar os días 9, 10 e 11 de novembro, con dúas sesións diarias ás 10:00 e 12:00 horas. En total asistirán 6.000 escolares.

Xunto á concelleira estiveron na presentación desta ópera Paulo Rodríguez, director-xerente do centro; Javier Enríquez, en representación de La Caixa; e Emilio Carilla, asistente de dirección.

Compartir: