EIXO ATLÁNTICO

A conexión Vigo-Porto, "fundamental e irrenunciábel" para as cidades do Eixo Atlántico

09/11/2005 Os membros da Comisión Executiva do Eixo Atlántico, entidade formada por dezaoito cidades galegas e do norte de Portugal, reuníronse o mércores, 9 de novembro, na Casa do Concello para debatir, principalmente, a conexión Vigo-Porto coa liña do AVE.

O presidente do Eixo e alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, declarou que a instalación dunha liña de tren de alta velocidade é "fundamental e irrenunciábel" e que a súa demanda se centra en que a conexión Coruña-Porto non demande máis de dúas horas. Ademais, esta vía debe ser "axeitada para viaxeiros e mercadorías", de xeito que una os principais portos galegos e portugueses, e que estea rematada nun prazo "non máis aló que o AVE Lisboa-Madrid", explicou Bugallo.

O xoves 10 de novembro ás 11.30 da mañá, os representantes da Comisión Executiva do Eixo Atlántico serán recibidos polo presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, na sede do Parlamento de Galicia, para tratar deste asunto e solicitar o seu apoio, posto que, en opinión de Bugallo, "se o AVE remata en Vigo temos unha quebra no Eixo". Tamén solicitaron unha entrevista co primeiro ministro portugués, Xosé Sócrates, para transmitirlle a súa demanda.

Á reunión do Comité Executivo asistiron o presidente do Eixo e alcalde compostelán, Sánchez Bugallo; o alcaldes de Vilagarcía de Arousa, Joaquín Gago López; o alcalde de Ourense, Manuel Cabezas; o concelleiro de Servizos Xerais, José Manuel Iglesias; e os alcaldes das cidades portuguesas de Porto, Chaves, Guimaraes e Vila Real. Ademais, estiveron presentes o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao e a coordinadora para Galicia, Amaya García.

O Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular constitúe unha asociación transfronteiriza integrada polas dezaoito principais cidades que configuran o sistema urbano da eurorexión Norte de Portugal-Galicia. Esta asociación determina un espazo rexional interestatal cunha filosofía que segue as orientacións da Unión Europea, fundamentalmente no que se refire á desaparición das fronteiras que afectan ou dificultan a libre circulación de persoas, capitais, mercadorías e servizos.

Este espazo rexional integra as seguintes cidades: A Coruña, Lugo, Ferrol, Ourense, Santiago, Pontevedra, Vigo, Porto, Braga, Bragança, Chaves, Viana do Castelo, Vila Real, Vilagarcía de Arousa, Monforte de Lemos, Guimarâes, Peso da Régua e Vila Nova de Gaia. Estas cidades pretenden ser os auténticos motores do desenvolvemento do espazo rexional en que se insiren, e caracterízanse por teren similares realidades socioeconómicas e culturais.

Ademais, a reunión serviu para sentar os preparativos da próxima asamblea, que será na segunda quincena de xaneiro e para organizar os eventos conmemorativos do décimo aniversario do Eixo Atlántica, que se celebrarán os días 28 e 29 de novembro en Bruxelas.

Compartir: