CULTURA

A Banda Municipal de Música ten programación de temporada por primeira vez na súa historia

09/11/2009 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, e o director da Banda Municipal de Música, Xosé Carlos Seráns, presentaron a programación da Banda Municipal para esta temporada 2009/2010. Fixérono presentando tamén o folleto que recolle toda esta programación, así como unha pequena introducción histórica da Banda e o listado completo de músicos que a forman.

En total serán 34 concertos, entre os que hai 10 concertos didácticos, ademais de 12 ensaios abertos. A isto haberá que engadir os concertos especiais en diferentes celebracións en barrios e parroquias ou os feitos en datas remarcadas como Semana Santa ou as festas da cidade.

A concelleira destacou a importancia de que a programación se recolla toda nun documento á hora de que os cidadáns poidan saber todo o que a Banda lles ofrece desde agora ata o verán e amosouse satisfeita deste paso que significa un avance, xa que non hai constancia na historia da Banda de que se tivese presentado antes unha programación completa editada. Socorro García Conde resaltou que é obxectivo da Concellaría "recuperar o prestixio e a dignidade dunha Banda que, ademais, neste ano celebra o seu 160 aniversario". Así, para cumplir ese obxectivo estáse a avanzar "nun programa de traballo interno, na mellora do equipamento, na mellora da situación dos traballadores da Banda, así como na recuperación e ampliación do repertorio", indicou. Neste último punto resaltou o feito de que se estean a ordear os fondos do arquivo, o cal fará que se poidan recuperar pezas que a Banda tocou hai tempo. Ademais, a Banda traballa incluíndo tamén pezas novas da actualidade sen renunciar, claro está, aos temas que son xa tradicionais na Banda e que o seu público habitual lles demanda.

"Queremos que a Banda se achegue á xente e que a xente se achegue á Banda", dixo a concelleira. Neste sentido trabállase cos Concertos Didácticos. Pero non só para os máis pequenos, senón tamén para os maiores. Así, a Banda achegarase a residencias ou lugares onde as persoas conten con algunha dificultade para desplazarse para que así tamén eles e elas poidan gozar da música. Ademais, a Banda tamén irá aos diferentes barrios e parroquias da cidade co obxectivo de fomentar o hábito de escoitar música e, polo tanto, co obxectivo de acadar unha democracia cultural.

Pola súa parte, o director da Banda Municipal, Xosé Carlos Seráns, amosouse moi satisfeito aoa segurar que "por fin estásenos recoñecendo a labor que levamos facendo durante moitos anos". Asegurou falar por todos os músicos cando dixo estar "moi contento por ter programa de temporada e, polo tanto, poder dicirlle a xente: isto é o que imos facer nos vindeiros meses e está vostede convidado".

Para rematar, destacaron que con motivo do 160 aniversario da Banda darase un concerto o día 20 de decembro no Auditorio de Galicia cun programa integramente formado por pezas compostas por músicos da Banda, o que vén a reforzar a idea de toda a riqueza cultural e musical que a Banda lle dá á historia da nosa cidade.

Documentos relacionados



Compartir: