COMERCIO

Entregadas as bandas de escaparatismo aos comercios gañadores da edición de outono

09/11/2009 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, entregou as bandas de escaparatismo aos tres premiados na edición de outono do VI Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping: Katuxa Platero. Xoiaría de autor, a tenda de chocolates Xocoátel, e o estabelecemento de doces Pecados de Compostela.

En primeiro lugar, Xosé Manuel Iglesias entregou as bandas de escaparatismo ao primeiro comercio clasificado, Katuxa Platero. Xoiaría de autor, situado na rúa do Vilar, número 45. A continuación dirixiuse á tenda de doces Pecados de Compostela, terceira clasificada, e localizada no Cantón do Toural, número 5. Por último, o concelleiro entregou a banda ao estabelecemento premiado en segundo lugar, a tenda de chocolates Xocoátel, situada na avenida Rosalía de Castro, número 3.

O xurado, integrado por asociacións de comerciantes, consumidores e expertos na materia, valorou especialmente a orixinalidade, ambientación e eficacia da mensaxe publicitaria atendendo ás condicións dos establecementos. Na súa decisión primou tanto o escaparate como o interior do comercio. A esta edición do concurso presentáronse 23 comercios pertencentes a trece sectores de actividade distintos, entre os que predominaban os de calzado, artesanía, alimentación e moda. A lista de inscritos tamén incluía estabelecementos especializados en xoiaría, decoración, óptica, xoguetes, complementos, seguridade, puericultura, cosmética e perruquerías.

Dirixido a todos os comercios de Santiago de Compostela, e enmarcado no Plan Estratéxico do Comercio Compostelán, este concurso ten como obxectivo contribuir á dinamización e mellora dos estabelecementos en activo, incentivando a súa capacidade creativa e a súa imaxe. Consta de catro edicións. primavera, verán, outono e Nadal. Os premios para os comercios gañadores consisten en campañas publicitarias a nivel local por valor de 5.156 euros para os primeiros clasificados en cada unha das edicións, de 2.306 euros para os segundos, e de 1.682 euros para os terceiros clasificados. Contabilizando as catro edicións, o certame destina 36.581 euros a premios.

Compartir: