ALCALDÍA

Os membros da Mesa de Contratación de Obras prestarán declaración como testemuñas os días 2 e 3 de decembro

06/11/2009 En virtude das dilixencias previas do procedemento abreviado 2473/2009, que se segue no Xulgado de Instrución nº 2 de Santiago de Compostela, os días 2 e 3 de decembro deberán prestar declaración como testemuña os membros da Mesa de Contratación de Obras: a concelleira Elvira Cienfuegos López, os concelleiros Andrés Fariña Cadenas, Albino Vázquez Aldrey e Ángel Luís Espadas Díez; a interventora municipal, o vicesecretario xeral e o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, na súa calidade de presidente da Xunta de Goberno Local. O concelleiro Bernardino Rama Seoane prestará declaración en calidade de imputado de acordo coa petición solicitada ao xuíz polo Partido Popular.

Cómpre lembrar que as presentes dilixencias son as derivadas da denuncia presentada o 14 de maio de 2009 na sede da Fiscalía polo alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, en relación coas presuntas irregularidades detectadas no expediente de adxudicación das obras de rehabilitación e mellora do Polideportivo Quiroga Palacios. Denuncia á que o PP sumou a súa propia posteriormente, o 18 de xuño de 2009.

Como é habitual no proceder do Goberno Municipal, de apoio ás actuacións xudiciais, os membros do equipo de goberno e os funcionarios estarán sempre a dispor da Xustiza para aclarar todos os termos necesarios en relación co devandito procedemento.

Compartir: