CONSORCIO

O primeiro dos inmobles do Programa de Edificios Tutelados ofrecerá tres vivendas de aluguer a baixo prezo

06/11/2009 Un edificio situado na rúa do Medio, número 65, foi o primeiro en inscribirse no Programa de Edificios Tutelados, plan que permite recuperar vivendas en desuso da Cidade Histórica e incluílas en bolsas de aluguer. As obras de rehabilitación deste inmoble están a piques de rematar.

O alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou as obras de rehabilitación deste edificio adscrito ao Programa de Edificios Tutelados. Este inmoble foi o primeiro en acollerse ao Programa de Edificios Tutelados, unha acción que desenvolve o Consorcio de Santiago en colaboración co Concello e coa Empresa Municipal de Vivenda e Solo (Emuvissa).

O obxectivo deste plan é seleccionar inmobles que se atopen en desuso e que pertenzan ao ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago de Compostela, para a constitución sobre eles dun dereito de usufruto temporal a favor da empresa municipal de vivenda e solo. Mediante esta acción rehabilítase o edificio e posteriormente realízase un plan de explotación con implantación de usos vinculados a políticas públicas de vivenda en réxime de aluguer.

O Consorcio cubre o 60% do custo da obra a fondo perdido e o 40% restante recupérao Emuvissa mediante o aluguer dos pisos, a prezos similares aos das vivendas protexidas, durante o período indicado polo estudo económico, como mínimo 12 anos. Ao final deste tempo, o propietario recupera o inmoble plenamente rehabilitado e libre de cargas.

Investimento de 288.407 euros
No caso concreto do edificio da rúa do Medio, xa están practicamente rematadas as obras de rehabilitación, nas que o Consorcio de Santiago aportou o 60% do custo da obra, valorado en 288.407 euros. O proxecto foi realizado pola Oficina Técnica-Taller de Proxectos do Consorcio de Santiago. O edificio rehabilitado conta cunha superficie de 298 metros cadrados, divididos en tres plantas, soto e trasteiros. No seu interior albergará tres vivendas de 37, 47 e 56 metros cadrados útiles.

Canto aos aspectos construtivos, e debido ao deterioro do edificio, realizouse unha nova estrutura interior de madeira e levantouse unha nova fachada lixeira, tamén cunha estrutura de madeira, na cara suroeste, para substituír a que tiña, de cascotes de ladrillo de moi mala calidade. Ademais instalouse calefacción central por chan radiante. O inmoble permanecerá cedido en usufruto a Emuvissa por un período de 17 anos.

A comezos de 2009 poñíase en marcha unha nova convocatoria do plan, a raíz da cal, a Oficina Técnica-Taller de Proxectos do Consorcio de Santiago elaborou tres anteproxectos remitíndoos a Emuvissa para o seu estudo. O convenio entre o Consorcio de Santiago, o Concello e Emuvissa vai permitir que pisos baleiros sexan habitables, polo que vai máis alá da mera política de rehabilitación, fomentando o aluguer a baixo custo e a recuperación de inmobles ruinosos ou desocupados, moitos deles con problemas hereditarios ou con escasos recursos para a súa restauración.

Compartir: