CULTURA

O Auditorio de Galicia estrea cuberta

05/11/2009 As obras de renovación da cuberta do Auditorio de Galicia están practicamente rematadas. A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, comprobou persoalmente o estado da reforma, acompañada polo director xerente do Auditorio, Paulo Rodríguez, pola arquitecta responsable da reforma, Cristina Ouzande, e máis polo director técnico do Consorcio de Santiago, Ángel Panero.

Os traballos foron acometidos para solucionar os problemas de filtracións na cuberta. Segundo explicou Cristina Ouzande, as técnicas construtivas do momento de construción do edificio, en 1989, obrigaron a instalar láminas de cobre de non máis dun metro de ancho, ensambladas mediante múltiples soldaduras. O deterioro desas unións era o que producía os problemas de pingueiras.

As melloras técnicas permitiron agora substituír esas placas por outras de ata vinte metros de ancho, o que permite reducir considerablemente o número de xuntas e, polo tanto, incrementar a impermeabilidade da cuberta. Ademais da substitución do metal, realizouse tamén a limpeza e reparación do soporte da cuberta con morteiro, así como a instalación dunha lámina de illamento de polietileno extrusionado e como unha lámina de ventilación. Os traballos contaron cun orzamento de 140.000 euros.

Unha referencia arquitectónica ao servizo da cultura
Esta reforma correspóndese co Plan Director que, coa colaboración do Consorcio de Santiago, determina as prioridades de mellora do edificio do Auditorio de Galicia. Así, a edil sinalou que, malia o relevancia arquitectónica do edificio, que precisamente se puxo de manifesto coa celebración do vinte aniversario da súa apertura, é preciso traballar "para que o Auditorio preste a súa función como contedor cultural nas mellores condicións".

Nese sentido Socorro García informou que recentemente se realizaron traballos para favorecer a seguridade do recinto en materia de incendios, así como a instalación dun sistema de vídeo vixilancia. Ademais, segundo o citado Plan Director, están tamén en proceso de contratación as obras de mellora dos accesos e o aparcadoiro subterráneo. Nesta mesma liña, está prevista -aínda que pendente de proxecto e orzamento- a remodelación da explanada dianteira para, sendo fieis ao proxecto inicial, convertela nunha praza pública que permita máis usos que o actual de aparcadoiro.

Compartir: