CIDADE HISTÓRICA

As rúas Raxoi e Trindade gañarán uniformidade coa súa completa renovación

04/11/2009 As rúas Raxoi e Trindade serán reurbanizadas cunha "renovación completa de ambas, tanto nos acabados da calzada como nas beirarrúas e instalacións". Así o explicou a concelleira de Cidade Histórica, Olga Pedreira, na presentación aos medios desta nova obra na zona vella de Compostela. Durante a súa intervención estivo acompañada de Javier Fernández Muñoz, arquitecto e xefe de servizo da Oficina de Cidade Histórica e Rehabilitación dependente da Concellaría.

A edil indicou que "a superficie total da intervención será de 616 metros cadrados na rúa Raxoi e de 488 na da Trindade, modificándose o pavimento, cun maior protagonismo dos usos peonís e unha maior uniformidade entre San Clemente e Trindade, utilizándose como único material lousas de pedra". Ademais "na unión da Rúa Raxoi co Obradoiro recuperarase as cotas primitivas, mudando a escaleira de acceso á praza, construíndo unha nova máis acorde á monumentalidade do ámbito", engadiu.

Instalacións e acabados
Olga Pedreira explicou tamén que con esta reurbanización "renóvanse as instalacións de abastecemento e saneamento, incluíndo as acometidas; tamén serán soterradas as conducións de telefonía e electricidade e, ademais, incorpórase a rede nova de gas natural", manifestando que se "combinará a incorporación de pedra nova coa reutilización de pedra existente nas beirarrúas actuais, mantendo sempre as pautas e conservando os espesores característicos dos enlousados de pedra da Cidade Histórica". Xa sobre a iluminación, a concelleira indicou que "a iluminación da zona de Raxoi manterase como actualmente, coas farolas de parede que existen en toda a zona vella de Santiago".

O investimento total na rúa Raxoi será de 154.995 euros, cun prazo de execución de 3 meses, e na rúa da Trindade de 107.995 euros, cun prazo de execución de 2 meses.

Compartir: