SANIDADE

Unha xuntanza interxeracional no parque de Bonaval promove os hábitos saudables e a convivencia

03/11/2009 A Concellería de Sanidade e a Aula da Terceira Idade organizan para o mércores 4 de novembro, ás 11.00 horas, unha xuntanza interxeracional no parque de Bonaval. Está previsto que nela participen 50 maiores da Aula e preto de 80 rapaces dos centros escolares da cidade.

Esta actividade enmárcase dentro do Programa Concellos Saudables da Xunta de Galicia. O seu obxectivo é que se creen vínculos de unión entre as dúas xeracións que participarán na actividade na que tamén colabora o Centro de Conduta Animal. Faranse distintas accións con cans de familia: probas de "agility", rastrexo, paseos e carreiras nas que participarán tódolos asistentes. Ademais, os maiores introducirán e explicarán regras de xogos populares aos cativos. Aos participantes faráselles entrega dunha "media mañá saudable" composta de froita, froitos secos e zumes e un folleto editado pola Unidade Concello Saudable do Concello de Santiago onde se explican distintos consellos para ter unha vida máis sa.

Con esta actividade quérese aproveitar a experiencia dos adultos para educar aos máis novos, interactuar de xeito positivo entre xeracións moi distintas, incrementar a curiosidade e o descubrimento por parte dos mozos que buscarán respostas nos maiores, facer actividades de cooperación e respecto mutuo, traballar a nivel cardiovascular e músculo esquelético, amosar como se pode convivir e compartir un mesmo espazo con cans e compartir novas inquietudes e formas de entender os xogos.

Compartir: