CULTURA

Sons da Diversidade abre a tempada co concerto de Ryuichi Sakamoto

03/11/2009 A hibridación de música e tecnoloxía de Ryuichi Sakamoto abrirá o 13 de novembro no Auditorio de Galicia a tempada do ciclo Sons da Diversidade. Por primeira vez, a programación será continuada dende agora e ata xuño, cun concerto cada mes.

O músico xaponés Ryuichi Sakamoto, coñecido entre outras cousas polas bandas sonoras de O último emperador ou O ceo protector, será o encargado de dar a benvida ao novo programa do Ciclo. Oito concertos se sucederán un cada mes ata chegar a xuño de 2010, cando Meredith Monk, coa súa "incuestionable achega ás técnicas vocais", en palabras do director xerente do Auditorio, Paulo Rodríguez, pechará o ciclo.

Entre ambos os concertos, o público de Compostela e de toda Galicia, terá a oportunidade de gozar coas actuacións en directo da mestizaxe da Orquestra Árabe de Barcelona en decembro, do jazz de vangarda de Sumrrá en xaneiro e da nostalxia portuguesa de Rodrigo Leão en febreiro. Pouco antes da primavera, o 13 de marzo, será a quenda do antigo integrante de Milladoiro, Roi Casal, co seu proxecto en solitario; en abril chegará o rei do afrobeat nixeriano Femi Kuti, e o penúltimo concerto estará a cargo, o 9 de maio, dunha das figuras da renovación da chanson francesa, Benjamin Biolay.

A concelleira de Cultura, Socorro García Conde, declarouse "especialmente satisfeita co abano de artistas seleccionados" para esta sétima edición de Sons da Diversidade. Ademais, Paulo Rodríguez sinalou que, como cada ano dende 2004, aplicáronse os criterios de diversidade musical e cultural na escolla dos artistas. O director xerente do Auditorio subliñou a presenza galega por partida dobre no programa -Sumrrá e Roi Casal-, que reafirma o compromiso da Concellaría de poñer á altura do panorama internacional aos creadores do país.

Abono de tempada e descontos nas entradas
O cambio de formato na programación de Sons da Diversidade permitiu poñer en marcha, tamén como novidade, a venda dun abono de tempada para os oitos concertos do programa. Así, poderá adquirirse a seguridade dunha localidade en todas as citas a un prezo de 114'75 euros, o que supón un aforro do 15% respecto ao prezo do total das entradas. Ademais, as persoas xubiladas e menores de 25 anos contarán cunha modalidade especial de abono co prezo reducido á metade.

Os abonos estarán dispoñibles os días 4, 5, 6 e 7 de novembro tanto no servizo electrónico de venda de entradas de Caixa Galicia (www.caixagalicia.es) como no propio despacho de billetes do Auditorio, en horario de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas.

A partir do día 8 do mes, poderán mercarse xa as entradas para cada un dos concertos por separado, con prezos de 20 ou 15 euros dependendo do artista e tamén con desconto do 50% para persoas xubiladas e menores de 25 anos. Estas entradas poderán adquirirse anticipadamente no servizo telemático de venda de entradas de Caixa Galicia e no despacho de billetes do Auditorio a véspera e o propio día do concerto.

Documentos relacionados



Compartir: