XUNTA DE GOBERNO

Iníciase o procedemento de contratación da xestión da Escola Municipal de Música

03/11/2009 Entre os acordos da Xunta de Goberno figura a apertura do proceso de contratación da xestión da Escola Municipal de Música. Tamén se deu o visto bo á segregación dunha parcela para un centro cívico en Santa Marta e ao réxime de utilización das instalacións deportivas municipais.

A contratación da xestión da Escola Municipal de Música realizarase a partir dun tipo de licitación que ten en conta dúas variables. Por un lado, establécese unha cantidade de 164.900 euros máis as tarifas dos usuarios ata as 200 persoas matriculadas. A partir desta cantidade de usuarios, o tipo de licitación son as tarifas dos usuarios máis 378 euros por alumno/ano, cun máximo de achega municipal de 53.100 euros.

Tamén en Educación, o Goberno local aprobou o desenvolvemento dun servizo de información e asesoramento para os estudantes, destinando ao mesmo 15.000 euros. A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, presentará en breve este novo servizo.

Deportes
A proposta do concelleiro de Deportes, acordouse conceder á Delegación Local de Fútbol a utilización, con carácter prioritario, dos campos municipais de Santa Isabel e As Cancelas, así como calquera outra instalación que o Concello teña conveniada ou poda ser destinada para a práctica do fútbol, para a celebración das súas actividades futbolísticas da temporada 2009-2010.

Unha concesión semellante realizas á Agrupación de Deportistas Veteranos, pero neste caso dos pavillóns deportivos municipais, co fin de realizar as competicións de fútbol sala en idade escolar nas súas diferentes categorías, tanto nos torneos de copa como de liga.

Urbanismo
No ámbito urbanístico, adoptouse o acordo de segregación da parcela DP-2/DI-2 do polígono 2 do SUP-5. Esta parcela resulta idónea para a construción dun centro cívico no barrio de Santa Marta, barrio en crecemento e deficitario de equipamentos deste tipo. A parcela segregada ten 1.850 metros cadrados, lindando ao norte coa parcela matriz, ao sur coa rúa do Escultor Ferreiro, ao leste coa rúa Antonio Rama e ao oeste ca rúa Eira da Palleira.

Esta parcela segrégase doutra máis ampla na que está previsto que se constrúa a nova Escola Oficial de Idiomas.

Benestar Social
En Benestar Social, deuse conta da concesión dunha subvención de 195.258 euros ao Concello pola Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia. Estará destinada ao programa de Axuda no fogar para persoas valoradas como dependentes.

Tamén se ratificou a sinatura de diversos convenios con entidades sociais. As beneficiarias son: Seminario Galego de Educación para a Paz, Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM), Asociación de Loita contra Enfermidades do Ril (ALCER Coruña), Asociación Galega de Lupus (AGAL), Asociación de Pais de Persoas con Trastornos de Espectro Autista da provincia da Coruña (ASPANAES), Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual (ASPAS), Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos (ATEGAL), Asociación de Bulimia e Anorexia de Galicia (ABAGAL), Escola de Tempo Libre e Animación Sociocultural Don Bosco, Asociación Síndrome de Down Compostela, Asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos dos Enfermos Mentais, Asociación Itínera de Voluntarios de Saúde Mental, Asociación Voluntarias de la Caridad de San Vicente Paúl, Asociación de Dano Cerebral de Compostela (Sarela), Asociación Galega para a Asistencia e Investigación dos Trastornos da Peronalidade (TP-Galicia), Asociación Española contra o Cancro (Xunta Provincial da Coruña), Asociación Internacional do Teléfono da Esperanza (ASITES), Asociación Galega para a Axuda dos Enfermos con Demencia tipo Alzheimer, Universidade de Santiago de Compostela-Ruptura da parella e non de familia, Cáritas Diocesana Santiago e Asociación Galega de Espiña Bífida e Lesionados Medulares.

Obras
No capítulo de obras, adxudicáronse provisionalmente tres de reforzo do firme, incluídas no Plan de Obras Suplementario da Deputación da Coruña. Trátase das obras nas vías M-36-A-IV, en Torreblanca ( Aríns); entre rotondas en Bornais (Eixo) e na vía M-105-V, en Eixo de Abaixo. Os importes de licitación son, respectivamente, de 120.312, 77.299 e 55.534 euros máis IVE.

Participación Cidadá
En Participación Cidadá, aprobouse a concesión de 99.968 euros a 36 asociacións veciñais. Estas subvencións destinaranse a mantemento, actividades e publicacións.

Nadalxogo 2009
Finalmente, procedeuse a aprobar os pregos de cláusulas e a iniciar o proceso e contratación do servizo de desenvolvemento do programa Nadalxogo 2009. O tipo de licitación é de 43.089 euros máis IVE.

Documentos relacionados



Compartir: