BENESTAR SOCIAL

A Unidade de Atención ás Familias organiza unha xornada sobre prevención e control do absentismo escolar

30/10/2009 A Unidade de Atención ás Familias (UAF), da Concellería de Benestar Social, organiza unha Xornada sobre prevención e control do absentismo escolar, baixo o título Depende de ti. A educación, un dereito, un deber. Celebrarase o luns 2 de novembro, de 16.00 a 20:00 horas, no Paraninfo da Universidade de Santiago, na Facultade de Xeografía e Historia. A asistencia é de balde.

A concelleira de Benestar Social, Mar Martín, presentará esta Xornada, enmarcada no Programa PRECONABES (Prevención e Control do Absentismo Escolar). Tras esta presentación tomará a palabra Antonio Gamonal García, psicólogo experto en diversas áreas sociais e coautor do documento Guión de absentismo escolar en el ámbito social, incluído no Proxecto Atlántica (2006). A continuación intervirá María Jesús Márquez García, coordinadora do Plan de Acción Educativa da Fundación Secretariado Gitano – Andalucía.

O Programa PRECONABES pretende establecer un proceso mediante o cal se faciliten respostas globalizadas a esta problemática para garantir a continuidade e regularización da escolarización en período obrigatorio a través de tres fases: prevención, detección e intervención.

Esta iniciativa baséase na creación dunha comisión de colaboración interinstitucional entre os centros educativos, asociacións e organismos que inciden na poboación escolar e o Concello. Trátase de crear canles de coordinación, de incrementar o contacto coas familias expostas ao problema, de sensibilizar e de crear un espazo socioeducativo dirixido a alumnos absentistas.

O traballo realízase en varias fases de actuación, con campañas de información sobre a obrigatoriedade do cumprimento do dereito á educación, dirixidas á poboación en xeral, e especificamente aos colectivos en situación de risco social; con programas de acollida nos centros docentes; e con programas complementarios dirixidos a promover a utilización del tempo libre.

Compartir: