XUVENTUDE

O Concello desvinculouse do concerto de Sizzla hai tres días despois de manter contacto con colectivos de gais e lesbianas

30/10/2009 O concerto do cantante de reggae Sizzla Kalonji era o primeiro dos tres programados no ciclo "Importa Santiago DC", presentado o pasado 30 de setembro e apoiado pola concellería de Xuventude e Festas en colaboración coa Sala Capitol.

Trala polémica suscitada polo contido homófobo dunha das letras de Sizzla, o titular do departamento de Xuventude, Xosé Baqueiro mantivo contacto con distintos colectivos de gais e lesbianas de toda Galicia, e con data de 27 de outubro decidiu desvincularse do concerto para non seguir creando polémica.

A Concellaría retirou o seu apoio, polo que non se presta ningunha axuda económica nin loxística para levar a cabo este concerto, como se lle comunicou ás produtoras Sweet Nocturna e Idea rock, e á propia Sala Capitol, e como figuraba tamén no comunicado oficial enviado días atrás polas ambas produtoras a todos os medios de comunicación.

Unha vez tomada esta decisión, o Concello quere aclarar que o tema musical que suscitou a polémica non está incluído xa no repertorio da xira do artista segundo un manifesto feito público por el mesmo hai catro anos no que rexeitou calquera actitude a través da súa música que non sexa a do AMOR, RESPETO e COMPRENSIÓN por calquera ser humano.

Hai recordar ademais que a actual xira europea de Sizzla xa pasou por cidades como Oslo, Estocolmo, Copenhague, Berlín, París, Milán, Roma, Munich, Ginebra, e Bilbao (onde actuou onte pola noite) con total normalidade e sen ningún incidente.

Compartir: