SEGURIDADE CIDADÁ

O Concello pon en marcha un Plan de Continxencia fronte á Gripe A

29/10/2009 Co fin de asegurar o funcionamento dos servizos municipais esenciais, o Concello puxo en marcha un Plan de Continxencia fronte á Pandemia de Gripe A. O programa establece todos os protocolos e mecanismos de coordinación no caso de producirse contaxios da enfermidade. Incide fundamentalmente no labor de 250 empregados municipais da Policía Local, Protección Civil e Bombeiros.

A concelleira de Seguridade Cidadá, Marta Álvarez-Santullano, presentou este Plan de Continxencia, do que ela mesma asume a súa coordinación. Ademais, haberá unha comisión de coordinación, presidida polo alcalde, que velará pola polo funcionamento do Plan. Tamén formarán parte da mesma os concelleiros de Persoal e de Seguridade Cidadá; os responsables de Policía Local, Bombeiros e Protección Civil; e un técnico en prevención de riscos laborais.

Este Plan de Continxencia ten por obxectivo preparar a resposta do Concello fronte á posible pandemia de gripe A, reducindo a vulnerabilidade dos servizos públicos municipais esenciais e permitindo a continuidade na prestación dos servizos, así como a protección da saúde dos empregados e empregadas municipais. Así, establécense protocolos relativos a cuestións como a mobilidade funcional e transitoria, horarios, actividades formativas, suspensión temporal de permisos ou redución de determinados servizos.

Servizo de mantemento dos sistema de control de tráfico
Por outra parte, a concelleira anunciou o inicio do procedemento de contratación do Servizo de mantemento, conservación e reparación das instalacións do sistema de control de tráfico do termo municipal. O importe da licitación é de 552.835 euros anuais, prevíndose a concesión por catro anos prorrogables por dous máis.

A empresa gañadora do concurso farase cargo de todo o relacionado cos sistemas de control de tráfico da cidade, como as cámaras de tráfico e de videovixilancia, os semáforos, a sinalización luminosa, etc, así como a súa conexión coa sala de tráfico municipal.

Compartir: