PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Participación Cidadá busca o protagonismo activo dos veciños cun amplo programa de actividades

29/10/2009 A concelleira de Participación Cidadá, Guadalupe Rodríguez, presentou as propostas programáticas da Casa das Asociacións, na busca dunha participación activa dos veciños de Compostela na vida da súa cidade. Unha das primeiras actividades desenvolverase mañá venres, ás 20:30 horas, cunha homenaxe a Cantigas e Agarimos no seu 88 aniversario. O acto servirá para abrir unha exposición de fotografías e de traxes dedicada a esta agrupación folclórica.

Espazo para compartir, espazo de comunicación, espazo de diálogo, espazo de recoñecemento público, espazo emprendedor ou espazo expositivo. A Casa das Asociacións quere ser todos estes espazos, a través de políticas e actividades que apostan, dun xeito transversal, por estimular a participación cidadá na vida da súa cidade e por ofrecerlle ás máis de 500 asociacións rexistradas en Compostela as facilidades para que cumpran o seu labor.

Participación Cidadá quere ser un espazo de participación. Con este fin crearase un portal dixital activo de asociacións. Para facilitar a implicación das mesmas, realizaranse curso para membros de asociacións, talleres de iniciación ás novas tecnoloxías e talleres de utilización de teléfonos móbiles.

Co obxectivo de converter a Santiago nunca cidade mediadora, a Casa das Asociacións constituirase como centro de mediación de conflitos, coa posta en marcha dun servizo periódico de atención e asesoramento. Isto complementarase con cursos de formación a líderes asociativos para a mediación de conflitos e con encontros periódicos e formación continua para estes líderes.

Tamén está entre as metas da Concellería achegar e facer visible aos cidadáns o labor do Goberno municipal. Encontros cos responsables municipais ou visitas guiadas ao pazo de Raxoi son algunhas das actividades previstas. Dentro desta liña de achegamento aos veciños tamén se inclúe o desenvolvemento do Plan de Igualdade 2009-2011, as accións do programa Cidadanía e Saúde, a colaboración en diversas mostras culturais, encontros ou foros e o apoio ás festas tradicionais dos barrios.

Lecer e Xacobeo 2010
O lecer é outro dos ámbitos aos que se lle prestará atención, con actividades como as Noites de Astronomía, o Foto Tour, visitas a teatros ou ao Auditorio ou diversas visitas guiadas.

O Xacobeo 2010 tamén terá especial protagonismo. Así, realizarase un concurso fotográfico denominado Instantáneas Xacobeas, para que cada un poda rescatar a través da fotografía o seu momento máis persoal do Camiño. As mellores instantáneas formarán parte dunha exposición. Ademais, Participación Cidadá que axudar aos composteláns a facer o Camiño, con saídas en autobús dende Santiago en catro sábados consecutivos para iniciar a andaina ata Compostela a partir das diferentes rutas.

Guadalupe Rodríguez recordou tamén o resto da oferta da Casa das Asociacións, como os bailes de maiores, as festas participativas, o Nadal solidario, as campañas de información e sensibilización, a edición a revista periódica O Pichel ou as diferentes exposicións. Ademais, a Casa segue a ofrecer unha ampla gama de servizos, coma o fondo de recursos, servizo de asesoramento a asociacións, o Banco do Tempo ou o servizo de fisioterapia, entre moitos outros.

Compartir: