BENESTAR SOCIAL

Santiago de Compostela aspira a ser recoñecida como cidade amiga da infancia

28/10/2009 O Pleno do xoves 29 de outubro terá na súa orde do día a adhesión de Santiago ao Programa Cidades Amigas da Infancia de UNICEF. O Concello comprométese a realizar o impulso político e técnico necesario para conseguir o este recoñecemento, converténdose así na primeira cidade galega que o logra.

A concelleira de Benestar Social, Mar Martín, presentou esta proposta de adhesión, afirmando o compromiso municipal na promoción de políticas dirixidas á poboación infantil e adolescente, dotándoas dos medios e recursos necesarios para dar cumprimento na vida diaria á Convención sobre os Dereitos do Neno e da Nena, aprobada por Nacións Unidas hai 20 anos. "Esta é unha oportunidade para que os organismos públicos reflexionemos sobre o que facemos pola infancia e sobre como esta participa na construción da cidade na que van a vivir", apuntou.

"Con este Programa pretendemos baixar o nivel municipal á vista dos nenos e nenas", indicou a coordinadora para Galicia de UNICEF, Estela Mouriño. Nese obxectivo están xa involucradas outras 30 cidades españolas, e Santiago aspira a ser a primeira cidade galega adherida. "Trátase de, pouco a pouco, dar cumprimento ao texto da Convención", engadiu.

O Concello de Santiago solicita este recoñecemento como Cidade Amiga da Infancia por ter entre os seus principios básicos de acción o interese superior do neno e da nena. Así se manifesta garantindo o dereito á educación, promovendo a vida saudable, garantindo o dereito ao ocio, traballando a favor da igualdade de oportunidades dos nenos e nenas con necesidades específicas, promovendo a co-educación e co-responsabilidade parental ou favorecendo un desenvolvemento sostible do medio natural.

Dende os organismos municipais tamén se realiza un importante labor de protección dos menores en situación de risco e de difusión e protección dos dereitos da infancia, promovendo o seu benestar, participación e non discriminación. O Concello tamén se compromete a darlles voz aos nenos a través dos órganos de participación social.

Direccións relacionadas



Compartir: