UMAD

O Alcalde clausura o programa "Cinensino"

14/03/2005 O luns 14 de marzo tivo lugar o acto de clausura do Programa de Prevención de Drogodependencias Cinensino, que un organiza a Unidade Municipal de Atención ao Drogodependente (UMAD).

O Alcalde do Concello de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, foi o encargado de clausurar o Programa de prevención de drogodependencias "Cinensino" o pasado luns 14 de marzo ás 12 da mañá na Aula de Cultura de Caixa Galicia de Santiago. Sánchez Bugallo transmitiu os seus desexos aos alumnos de 1º e 2º de ESO dos institutos Xelmírez 2 e Eduardo Pondal de que, a través de programas como o da UMAD, saísen "blindados contra a droga" e soubesen dicir "non grazas" cando alguén lles ofrecese algunha substancia da que poidesen desconfiar.

No acto de clausura estivo ademais a concelleira de Servizos Sociais, Muller e UMAD, Adelaida Negreira Riveiro, a directora da UMAD, Mª Pilar Bermejo González e a responsábel da obra social de Caixa Galicia en Santiago, Patricia Maceira Villaverde. Pilar Bermejo quixo salientar o "traballo preventivo" do Cinensino, un programa que "está a ter unha boa resposta" entre os nenos que participan, a pesar de estaren "nunha idade difícil".

Posteriormente ao acto de clausura proxectouse o filme "Misión sin permiso" para os alumnos dos institutos alí presentes.

Ao longo deste curso escolar 2004-2005 participaron no programa Cinensino máis de 2.500 alumnos e alumnas de 5º e 6º de EPO (Ensino Primario Obrigatorio) e 1º e 2º de ESO (Ensino Secundario Obrigatorio), de vintenove colexios de Santiago.

Cine para a prevención

O programa Cinensino, que organiza a UMAD, e que se enmarca dentro do contexto da Educación para a Saúde, naceu co obxectivo de ser un instrumento complementario nesta área e dentro do actual sistema educativo.

O traballo da UMAD na organización deste programa consistiu facilitarlles aos centros escolares asesoramento, medios e formación para fose o seu profesorado o encargado de impartilo.

A ferramenta pedagóxica coa que se traballou foi o cinema. Deste xeito, mediante a proxección dunha película foise profundizando e traballando en diferentes temas de interese relacionados coa prevención do consumo de drogas.

Compartir: