ALCALDÍA

O Concello achega 20.000 euros para o servizo de acollida do Centro Xoán XXIII

27/10/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asinou un convenio de colaboración co director da Asociación Centro Cultural-Social Xoán XXIII, Padre Frei Francisco J. Honrubia, en virtude do cal a entidade municipal achega 20.208,50 euros para o mantemento do servizo de acollida para transeúntes.

Este convenio ten por obxecto estabelecer os termos da colaboración entre as partes asinantes para o desenvolvemento do servizo de acollida para transeúntes. A este respecto, recordou Frei Francisco J. Honrubia que o centro vai a funcionar en breve como centro de día, completando así o servizo de acollida nocturna que se prestaba ata agora. A apertura do novo centro de día unicamente está pendente de completar a documentación e os permisos, xa que a obra está rematada.

O centro ofrecerá estanzas máis amplas e todos os servizos aos 25 usuarios que pode albergar cada día. Por este albergue pasan cada ano unhas 3.000 persoas, das que o 20% son habituais, pero moitos deles son xente de paso, segundo indicou o director da Asociación Centro Cultural-Social Xoán XXIII.

Pola súa parte, o alcalde recordou que, xunto cos servizos que se prestan directamente, a colaboración con diversas entidades é a outra parte fundamental nas políticas de atención social do Concello. Con este obxectivo, neste 2009 incrementouse un 50% a partida dedicada a estas colaboracións con entidades sociais. Así sucedeu tamén no caso do albergue de Xoán XXIII, cunha axuda que ascende ata algo máis de 20.000 euros.

O servizo prestado polo Centro Cultural-Social Xoán XXIII ten por finalidade proporcionar aos transeúntes e ás persoas que o precisen, por estar en situación de emerxencia social e/ou sen fogar, durante todo o ano, un local dotado de camas repartidas en varias habitacións e unha sala con aseos incorporados, onde os chamados "sen teito" poidan pernoctar. Ofréceselles un aloxamento temporal durante sete noites, onde ademais poden dispor de medios para ter aseo persoal, lavado e pranchado de roupa, así como tamén contar con axuda-orientación.

Así mesmo este servizo complétase cuns servizos complementarios que ofrece o Albergue e que son:
- Servizo de duchas
-Servizo de lavandería: lavado de roupa das persoas que pernoctan, tres días por semana (luns, mércores e venres)
- Servizo de roupeiro: durante o servizo de duchas, para todas as persoas que o precisen e o soliciten
- Complemento alimentario: leite e doces (antes de durmir e despois de levantarse).
- Servizo de consigna para gardar equipaxes.

O Concello de Santiago de Compostela e a Asociación Centro Cultural-Social Xoán XXIII , en consonancia coa filosofía da diversidade, da igualdade social e da integración, teñen o propósito de dar estabilidade á colaboración que se vén producindo de maneira continuada entre ambas as dúas entidades, dado que a complexidade dos problemas sociais require da implicación de distintos colectivos no camiño de conseguir a xustiza e a igualdade social.

Compartir: