ALCALDÍA

Listo para a súa adxudicación o proxecto da nova EDAR

23/10/2009 A ministra de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño (MARM), Elena Espinosa, visitou en compañía do alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, e do delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro, as obras de mellora do saneamento de Santiago, nas que este departamento investirá preto de 100 millóns de euros. Antes, nun encontro cos medios, a ministra anunciou que o Ministerio ten todo listo para comezar o proceso de adxudicación da obra da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR).

Elena Espinosa confirmou que, dadas as características especiais do río Sar, a tecnoloxía empregada será a de membranas, e o investimento do Ministerio superará os 70 millóns de euros. Afirmou que, para iniciar o proceso de adxudicación, unicamente queda asinar un convenio coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas segundo unhas bases asinadas en 2007 que establecen a colaboración en obras de interese xeral para Galicia entre Goberno central, Autonomía e concellos. Á Xunta corresponderíalle achegar o 15% do orzamento total.

Pola súa parte, Xosé A. Sánchez Bugallo agradeceu o "gran esforzo que está a realizar o Ministerio en sacar adiante a rede de colectores e para a construción da depuradora de augas residuais". Expresou a súa satisfacción pola visita da ministra e pola acollida das propostas do Concello neste ámbito.

Rede de colectores
As actuacións do Ministerio en Santiago por uns 100 millóns de euros inclúen o colector xeral do río Sar: tramo Pontepedriña-Ponte San Lázaro; o colector xeral do río Sar: tramo Pontepedriña-EDAR da Silvouta e a futura EDAR da cidade.

Logo do encontro cos medios, a ministra e o alcalde percorreron as obras de mellora do colector interceptor do río Sar, no tramo entre Pontepedriña e Ponte San Lázaro, que supón un investimento de 8,4 millóns de euros. Esta actuación consta dunha tubería de 5,4 quilómetros de lonxitude á que se incorporan sete colectores secundarios de 2,5 quilómetros. A totalidade execútase cunha tubería d formigón armado con diámetros comprendidos entre 1.000 e 1.200 milímetros. A obra compleméntase con pozos de rexistro e catro aliviadieros-estanques de tormenta.

A este tramo únese un segundo que percorre o espazo entre Pontepedriña e a EDAR da Silvouta. Este tramo está en fase de execución e o seu orzamento ascende a 21,4 millóns de euros. Consta dun interceptor xeral de 5,7 quilómetros que substitúe ao existente e de sete incorporacións secundarias de 3,6 quilómetros que recollen os vertidos de diversas zonas do concello e da comarca como Conxo, Fervenza, Milladoiro, Vidán, Brandía ou Laraño.

Completan este tramo a construción de seis aliviadoiros de tormentas, catro arquetas de control das incorporacións e unha obra especial de conexión do colector do Sarela. O diámetro da tubería do colector xeral oscila entre os 1.600 e os 1.800 milímetros, e é de formigón armado.

EDAR
Por último, a depuradora, cun investimento previsto de 70,4 millóns de euros, é a peza clave do saneamento da capital galega. O seu anteproxecto está redactado e aprobado e emitiuse xa unha declaración de impacto ambiental favorable, polo que só resta a mencionada adxudicación da obra.

A nova depuradora, que se situará nas inmediacións da actual, está deseñada para tratar os vertidos dunha poboación equivalente de 264.000 habitantes, cun tratamento que garantirá unha integración ambiental e social completa co entorno no que se sitúa. Neste sentido, está previsto un calendario de obras acorde cos ciclos vitais da fauna do entorno e a delimitación do perímetro das obras para reducir a afección sobre a vexetación das ribeiras do río Sar. O proxecto tamén inclúe a restauración da cuberta vexetal e a hidrosementeira de taludes.

Compartir: