FESTAS

O alumeado de Nadal acenderase o 11 de decembro e ornamentará 50 rúas e prazas

23/10/2009 O 11 de decembro acenderase o alumeado de Nadal na cidade. Este ano, co obxectivo de propiciar un maior aforro enerxético, redúcese en seis días o período de funcionamento das luces. Entre as novidades salienta a colocación dunha grande árbore na praza Roxa.

O horario diario de iluminación será desde as 18:00 horas ata as 2:00 horas da madrugada agás os días 24, 25 e 31 de decembro e 5 de xaneiro, nos que a iluminación permanecerá acendida ata o amencer. A Xunta de Goberno aprobou esta mañá a apertura da contratación do aluguer deste servizo, ao que o Concello destinará 132.240 euros: 63.800 para o Casco Histórico e 68.440 para o Ensanche.

Este ano incorpóranse cinco novas rúas ao alumeado: Xeneral Pardiñas, Alfredo Brañas, Montero Ríos, Casa da Troia e Porta da Pena. Así, a montaxe deste ano iluminará 30 rúas e prazas do Casco Histórico e outras 19 do Ensanche. Para potenciar o aforro enerxético, optarase preferentemente por luces tipo led e as cores dominantes serán o branco e o azul.

No Casco Histórico distribuiranse 138 arcos luminosos. A praza de Cervantes levará un teito de led partindo da fonte como punto central con máis de 42 tiras de 100 lámpadas cada unha. A praza do Toural levará outro teito de led de características semellantes. Na praza de Fonseca ornamentaranse as 10 árbores e a fonte, mentres que en Praterías haberá unha iluminación especial da fonte con luz indirecta. A praza do Obradoiro estará adornada co tradicional abeto, o Belén e a iluminación da fachada do Pazo de Raxoi

Polo que se refire ao Ensanche, instalaranse 98 arcos e arcos dobres, e 19 motivos nos farois. Na praza Roxa ornamentaranse os teitos vermellos das marquesiñas e colocarase un abeto xigante de máis de 8 metros en forma de cono e con 4.000 puntos de luz. Na Alameda iluminaranse os dous abetos grandes e seis árbores da entrada principal. Distribuiranse catro letreiros co lema "Bo Nadal" na Alameda, praza Roxa, Hórreo e Rosalía de Castro.

Compartir: