ALCALDÍA

Os impostos municipais permanecerán conxelados en 2010

23/10/2009 Na súa habitual rolda de prensa dos venres, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, indicou que en 2010 permanecerán conxelados os impostos, prezos públicos e taxas municipais. Outro anuncio foi a celebración o 24 de xullo de 2010 da reunión do Real Padroado.

Sánchez Bugallo afirmou que a conxelación dos impostos municipais para 2010 é unha decisión política do Goberno municipal. Deste xeito, non se celebrará este ano o habitual Pleno para debater as novas ordenanzas fiscais, posto que serán as mesmas que en 2009.

A propósito dun dos impostos municipais, o de bens inmobles, o alcalde recordou que as modificacións catastrais anunciadas pola concelleira de Facenda en rolda de prensa son unha esixencia legal, por ter pasado 10 anos da anterior valoración catastral e pola entrada en vigor do novo PXOM. En relación a este documento, botou a vista atrás para apuntar que no seu día "non houbo ningunha alegación pedindo que se pasara un solo urbano a rústico, mentres que houbo máis de 2.000 solicitando o cambio de rústico a urbano". Loxicamente, dixo, "estes propietarios pasan a cotizar como urbano".

Con todo, subliñou que a suba media do 60% nas valoracións queda lonxe da prevista inicialmente do 100% grazas ás matizacións introducidas nas xuntanzas realizadas. Recordando que a valoración media dos inmobles se sitúa nos 70.000 euros, aclarou que ao valor catastral acostuma ser "un 50% do valor real, e aínda foi rebaixado, e en Santiago supón sobre un 45% do valor real do inmoble".

Reunión do Real Padroado o 24 de xullo
O rexedor municipal anunciou que a próxima reunión do Real Padroado se celebrará o 24 de xullo de 2010. El mesmo confirmou esta data co presidente do Goberno, José Luís Rodríguez Zapatero, nun encontro mantido o luns 19. A data tamén está consensuada coa Casa Real.

Sánchez Bugallo expresou a súa confianza en que esta xuntanza sirva para "actualizar o programa 2004-2013 do Consorcio de Santiago e para concitar o interesa das outras dúas administracións neste proxecto".

Compartir: