ALCALDÍA

A plantación de 250 árbores no parque Antón Avilés de Taramancos abre a campaña "¡Plántate! Ven e sementa vida"

23/10/2009 O parque Antón Avilés de Taramancos, nas Cancelas, foi o escenario dunha plantación de 250 árbores incluída na campaña "Plantemos para el Planeta", integrada no Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA). No marco desta campaña lanzouse a acción ¡Plántate! Ven e sementa vida, promovida por 40 Principales en colaboración coa Fundacións Más Árboles (F+á), cuxo punto de partida foi Santiago de Compostela.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e varios concelleiros participaron nesta plantación de árbores, acompañada de explicacións sobre o proceso e talleres para os asistentes. Logo uníronse á plantación os artistas Coti e Antonio Orozco, que quixeron participar no inicio desta acción.

Despois desta primeira cita en Santiago, a iniciativa estenderase a outras 26 cidades da Península durante os meses de outubro e novembro. A plantación de árbores compleméntase cun tráiler escenario no que hai unha exposición interactiva. A través da mesma, o público coñecerá o proceso de reforestación dun bosque, especies autóctonas de España, a vida dunha árbore, a técnica de plantacións, etc.

Nendo dango
Neste tráiler tamén se poden coñecer as actividades dos patrocinadores e colaboradores locais, con especial atención á actividade de F+á, que promove o método de plantación do nendo dango, consistente en botar sementes de árboles e arbustos envoltas en bolas de arxila.

Nendo dango significa precisamente bolas de arxila en xaponés. A arxila, ao estar mesturada con abonos e repelentes naturais, aumenta o rendemento das sementes, ademais de protexela de paxaros e roedores unha vez seca. É a chuvia a que libera ás futuras árbores da súa casca e a que as axuda a xerminar.

Segundo o creador desta técnica, Masanobu Fukuoka, falecido en agosto de 2008, o nendo dango é moito máis eficiente que os métodos tradicionais de reforestación. Aproximadamente, un 2% das sementes plantadas con nendo dango xerminan, fronte ao 0,2% que o fan mediante outros sistemas.

Compartir: